Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón reclama derrogar “integramente” a reforma laboral do PP e acusa ao goberno de PSOE-Podemos de “quedar a medio camiño”

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro 2022. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a derrogación “integra” da reforma laboral do PP e acusou ao goberno de PSOE- Podemos de “quedar a medio camiño” cunha proposta que representa “un lavado de cara” á reforma laboral do Partido popular. Neste sentido, preguntou porqué, PSOE e Podemos, contando cunha maioría no Congreso que permitiría a derrogación “integra” da reforma laboral do PP, continúan cunha proposta que non devolve os dereitos dos traballadores e traballadoras galegos “roubados polo Partido popular”.

Na manifestación convocada polo CIG, para exixir a derrogación das reformas laborais e contra a que propón PSOE-Podemos, a portavoz nacionalista recalcou que urxe a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras entre os que salientou, unha indemnización de 45 días por ano traballado e que non permita a “barra libre” no despido, co fin de impedir que as empresas con beneficios multimillonarios continúen botando a rúa aos seus traballadorxs.

Pontón insistiu en reclamar capacidade para Galiza que permita mellorar os convenios laborais estatais e que os EREs sexan declarados pola Autoridade laboral.

O BNG, afirmou, sabe que papel ten que cumprir na política e por iso reclamamos a derrogación integral da Reforma laboral do Partido popular porque prexudicou gravemente o desenvolvemento laboral da mocidade e sobre todo das mulleres que constatan, día a día, como a súa incorporación ao mercado laboral non é un en igualdade de condicións. Polo tanto, resulta indispensable derrogar a reforma laboral para rematar con esta precariedade e demostrar que os gobernos están para “mellorar a vida das persoas”.

O BNG, recalcou Pontón, está onde estivo sempre, “reclamando a derrogación íntegra da reforma laboral do Partido popular e na defensa dxs traballadorxs”.

Pontón participou na manifestación convocada pola CIG en Santiago de Compostela, acompañada polo deputado no Congreso, Néstor Rego, a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, membros da Executiva nacional do BNG e deputados e deputadas do grupo parlamentario.

Exit mobile version