Site icon Crónica3.com A Mariña

Renato seguirá sendo laranxa ata 2024

Burela, 31 de xaneiro, 2022. Renato Lopes Furtado seguirá sendo laranxa ata 2024. O 12 bureslita, unha das Xoias máis representativas do Pescados Rubén, chegou a un acordo co club para ampliar o seu contrato en vigor unha tempada máis, ata 2024.

Acompañado na sede da entidade mariñá polo presidente, Manuel Blanco, o ala de 25 anos, amosouse moi agradecido pola confianza depositada: “É un orgullo poder seguir representando á miña vila, Burela, por toda España” confesaba o xogador que defende a camiseta laranxa desde categoría alevín, recoñecendo converter en realidade un soño de neno: “O traballo e sacrificio de moitos anos deron os seus froitos e converteuse en realidade. Estou ben cos meus e, sobre todo, moi ben arroupado. Non hai mellor sitio que Burela” explicaba Renato, nunha tempada na que tamén puido estrearse coa Selección Española, na recente concentración de Sub-23 xunto ao seu compañeiro Pitero: “É un dos meus momentos máis doces. Todo o mundo quere e soña con xogar algún día coa selección e nesta ocasión fun eu o afortunado”.

“Renato é un dos mellores reflexos do traballo do club pola base. Foi medrando connosco, é un claro referente para todos os nenos. É un exemplo de que con traballo e dedicación se pode chegar ao primeiro equipo” explicaba Manuel Blanco, mostrando tamén a súa satisfacción pola ampliación da estancia de Renato nas filas mariñás: “É un home de club, representa os valores de esforzo e sacrificio. Temos a honra de que poida seguir medrando connosco, que aínda queda moita marxe na súa traxectoria. Seguro que nos seguirá dando grandes tardes de fútbol sala en Vista Alegre”.

Osasuna, o mércores, en Vista Alegre

Despois de mes e medio condicionado polo protocolo Covid e co descanso pola UEFA Futsal EURO22, o equipo de Alberto Riquer volverá este mércores á liga, recuperando a xornada 12 (22 de decembro) coa viista a Vista Alegre de CA Osasuna Magna (20.30 horas). O Pescados Rubén Burela regresa para reconducir o rumbo e saír do fondo da táboa: “A confianza é plena tanto en xogadores como en corpo técnico; hai boa base no equipo para poder sacar as cousas adiante” aseguraba Manuel Blanco, coa reafirmación tamén de Renato: “Traballamos moito para reducir os erros que tanto nos penalizan”.

Exit mobile version