Site icon Crónica3.com A Mariña

Tralo apagado das cubas, a Xunta lamenta que o estado deixe de producir aluminio primario por non contar cun prezo eléctrico competitivo

Madrid, 20 de xaneiro de 2022. A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, asistiu esta mañá en Madrid á comisión de seguimento de Alcoa. Durante a reunión, a representante da Xunta de Galicia lamentou que España deixe de producir aluminio primario -tras a paralización da produción en Alcoa San Cibrao- pola falta dun prezo eléctrico competitivo que si existe noutros países europeos.

Desde a Administración galega insistiuse na necesidade de que o Goberno asuma a súa responsabilidade e poña sobre a mesa as medidas necesarias para contar cun prezo eléctrico que dea seguridade ás empresas electrointensivas, como Alcoa, e lles permita competir en igualdade de condicións que o resto de países europeos.

O Goberno galego ofreceu a máxima colaboración para reactivar as cubas o máis axiña posible, sen ter que agardar a 2024. Así, vaise introducir un artigo na Lei de áreas empresariais para que teñan prioridade na tramitación as compañías que constrúan parques eólicos na Comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía. Neste sentido, a colaboración do Goberno central é indispensable, pois é quen se encarga da tramitación das instalacións que superan os 50MW.

Unha medida que terá que acompañarse doutras actuacións que son competencia directa do Estado, como os custos regulados dos impostos, as compensacións de CO2 ou as poxas de interrompebilidade. Por todo isto, Uría defendeu a necesidade de que exista unha implicación real por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xa que do seu departamento depende contar cun marco regulatorio estable.

A Xunta manifestou de novo o seu apoio expreso aos traballadores, agardando que Alcoa tamén cumpra cos investimentos comprometidos e estableza un cronograma de actuacións que achegue certeza e estabilidade aos empregados, á industria auxiliar e á Mariña de Lugo.

Exit mobile version