Site icon Crónica3.com A Mariña

900.000€ en melloras para o cuartel da Garda Civil de Xove

Xove, 8 de febreiro de 2022. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o importante investimento que vai realizar o Goberno no cuartel da Garda Civil de Xove coa finalidade de mellorar a súa eficiencia enerxética. Anunciou que o Goberno destina 899.514 euros do Plan de Recuperación para unha actuación que ten previsto realizar o Ministerio do Interior nestas dependencias da Garda Civil.

A subdelegada do Goberno fixo este anuncio durante unha visita que efectuou, esta mañá, ao posto da Garda Civil de Xove, na que estivo acompañada polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel González Arias, así como pola tenente de alcaldesa deste Concello Ana Abad.

Isabel Rodríguez explicou que as melloras no cuartel de Xove enmárcanse na política do Goberno de reforzo dos servizos públicos para asegurar unha recuperación xusta e igualitaria en todo o territorio. Dentro desa aposta que fai o Goberno para reforzar a seguridade cidadá e pola transición ecolóxica, inclúense tamén outras actuacións na comarca da Mariña, que se beneficiará, ademais, do investimento de 7,7 millóns de euros para a realización de reformas no cuartel de Burela.

Os dous proxectos que se acometerán en Xove e Burela forman parte dun plan de mellora de equipamentos do Ministerio do Interior que ten por obxectivo promover o aforro e a eficiencia enerxética. Con esta finalidade, o Goberno vai investir un total de 21 millóns de euros en Galicia, dos que máis da metade serán destinados á provincia de Lugo.

Os cartos para equipamentos na nosa provincia superan os 11 millóns de euros. Ademais das actuacións na comarca da Mariña, está prevista tamén a realización de melloras en instalacións da Garda Civil de Monforte, onde se farán obras por un importe de 2,4 millóns de euros.

As melloras en dependencias da Garda Civil realizaranse con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do Plan de Transición Enerxética da Administración Xeral do Estado. O listado de actuacións para promover o aforro e a eficiencia enerxética nos cuarteis da Garda Civil foi acordado polos Ministerios para a Transición Ecolóxica e do Interior.

Esta medida inclúe obras destinadas ao illamento de fachadas e cubertas, cambio de fiestras, substitución de luminarias e instalación de paneis solares.

Exit mobile version