Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro considera a decisión da Xunta de non informar ao Concello da entrega dunha vivenda de promoción pública unha mostra máis da súa falta de respecto institucional

Viveiro, 9 de febreiro de 2022. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lamenta a falta de respecto institucional da Xunta de Galicia na entrega dunha vivenda de promoción pública. A Xunta de Galicia, a través do Delegado Territorial en Lugo, entregou no día de onte as chaves ás familias adxudicatarias de dúas vivendas de promoción pública, unha en Viveiro e outra en Mondoñedo.

No Concello de Mondoñedo, o alcalde estivo presente no acto de entrega das chaves. Porén, no Concello de Viveiro, xunto ao Delegado Territorial da Xunta, estivo unicamente o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, pero a alcaldesa de Viveiro non foi invitada a este acto.

Dende o goberno municipal, laméntase que o Concello de Viveiro non fose convidado a participar neste acto.

O goberno local tamén critica a falta de contestación aos escritos remitidos pola alcaldesa de Viveiro á Conselleira de Política Social e á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

En ditos escritos, a alcaldesa solicitaba información sobre a noticia aparecida nos medios de comunicación con respecto á rehabilitación de varias vivendas para a integración de familias desfavorecidas.

Por parte da Consellería da Política Social tampouco se deu resposta ao escrito remitido despois da súa visita ao Concello de Viveiro, en relación coas obras do Albergue de Area e na que tampouco se invitou á alcaldesa.

Exit mobile version