Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación informa a concellos e entidades das Reservas das convocatorias para optar a fondos europeos

Lugo, 1 de febreiro de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este martes unha reunión para informar aos concellos e ás entidades asentadas no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses das características, condicións e requisitos necesarios para concorrer ás liñas de axuda que convocará proximamente a Administración autonómica cos fondos da Unión Europea que recibirá Galicia especificamente para estes espazos naturais a través do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A comunidade autónoma percibirá preto de 6,5M€ grazas a este plan da UE para o impulso das Reservas.

Tomé Roca recibiu no Salón de Actos aos representantes dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial, para dar conta destas axudas ás que poderán acceder. No acto tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo.

Co encontro celebrado hoxe, a Deputación cumpre co seu compromiso de informar de primeira man aos axentes asentados no territorio das Reservas sobre as convocatorias de axudas da Xunta con fondos europeos. Así mesmo, segundo destacou o Presidente, a reunión enmárcase no traballo que fai a institución “para captar a maior cantidade posible de recursos da Unión Europea, tanto por parte da propia Deputación, como dos concellos e entidades que forman parte das Reservas da Biosfera, co obxectivo de seguir impulsando o seu desenvolvemento sostible, a nivel social e económico”. “Para nós, é fundamental que os fondos que chegan de Europa a través do Goberno do Estado se invistan no territorio, sobre todo no rural, porque só así serán realmente eficaces”, asegurou José Tomé.

Os fondos do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia para as Reservas da Biosfera están vinculadas á consecución de obxectivos mediante a cuantificación de indicadores e medicións, sendo necesario incluír actuacións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais. Trátase dunha axuda de concorrencia competitiva subvencionada ao 100%.

Os concellos incluídos no ámbito territorial das Reservas da Biosfera galegas poderán optar a axudas de entre 40.000 e 80.000 euros, mentres que outras entidades como como as comunidades de montes veciñais en man común, asociacións ambientalistas, ONG’s ou entidades de custodia do territorio, contarán con achegas de 10.000 a 25.000 euros.

Exit mobile version