Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama á Xunta que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores

Lugo, 22 de febreiro de 2022. A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que se implique na defensa dunha mellor atención bancaria para as persoas maiores. Así o acordou este martes o Pleno da Corporación provincial coa aprobación dunha moción do grupo do PSdeG, que contou co apoio do BNG, mentres que o PP se abstivo.

A proposta socialista parte das reclamacións da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Lugo sobre cuestións transversais como a necesidade de ampliar horarios de atención ao público das oficinas, garantir a atención presencial a maiores que non contan con competencia en medios dixitais, ou medidas de seguridade nos caixeiros; pero fai corresponsable á Xunta pola súa inacción. Concretamente, a institución provincial instará ao Goberno galego a mostrar o seu respaldo ás reclamacións de mellora na atención bancaria formuladas polas plataformas da terceira idade e do rural; a tomar medidas para garantir a presenza de sucursais bancarias en tódolos concellos da provincia; a primar as operacións con aquelas entidades que garantan a prestación de servizos bancarios dun xeito adecuado; a excluír da participación na xestión dos fondos de reconstrución a aquelas entidades que non cumpran estas condición; e a elaborar unha Carta de Servizos Básicos que garanta o dereito de todos os galegos e galegas a non quedar excluídos da prestación dos servizos básicos de carácter financeiro.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, argumentou que “subvencionar a instalación de caixeiros nos concellos onde non hai oficinas bancarias non é a solución”, que son moitos os maiores que non son quen de desenvolverse coa banca dixital e que a perda dos postos de traballo no sector supón xa o 27,5% desde o 2008, con máis de 5.000 empregos destruídos.

Concellos como Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín y Samos carecen xa de oficina bancaria no seu municipio e no caso de Samos, isto supón un prexuízo para os veciños, pero tamén para os moitos peregrinos que pasan pola vila, situada no camiño de Santiago.

A Xunta deixou un 30% de fondos Covid sen executar
A institución provincial tamén pedirá explicacións ao Goberno galego por deixar sen executar o 30% -220M€- dos fondos Covid, duplicando a porcentaxe media doutras comunidades autónomas. “Feijoo non foi quen de achegar ás pemes, ós autónomos, ao comercio ou á hostalaría todos os recursos que o Estado lle transferiu para frear o impacto da covid neses sectores”, denunciou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, que reprochou tamén que o Presidente da Xunta cargase con gastos extraordinarios ás facendas locais ou que non contratase máis persoal sanitario cando colapsaron a Atención Primaria e as Urxencias.

De acordo á proposta socialista, a Deputación reclamará que o presidente da Xunta compareza nun pleno extraordinario do Parlamento para dar explicacións sobre esta cuestión; que o goberno galego reactive o Pacto Local firmado cos concellos, avalíe ca Fegamp a pegada extra da covid nas facendas locais e determine as fórmulas para compensar ás administracións locais polo gasto extra asumido durante a pandemia; e a creación dunha Mesa de Seguimento da xestión dos Fondos de Recuperación, que conte ca representación de todas as forzas parlamentarias e na que estea representada tamén a administración local, para evitar que se manteña o baixo grao de execución actual.

Declaración institucional polo 8M
O Pleno celebrado este martes tamén aprobou por unanimidade a Declaración Institucional polo 8M, na que reafirma o compromiso da institución provincial co feminismo. O texto, acordado na Xunta de Voceiros e Voceiras, incide en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

Exit mobile version