Site icon Crónica3.com A Mariña

A secretaría xeral de Igualdade achegou ao alumnado do CIFP Porta da Auga a segunda función en Ribadeo do monólogo ‘Golpes’

Ribadeo, 9 de febreiro 2022. A concelleira coordinadora de Educación e Igualdade do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Begoña Sanjurjo, destaca a importancia da formación en igualdade e, polo tanto, pon en valor o traballo cos adolescentes nos centros educativos.

Concretamente, a popular explica que “a secretaría xeral de Igualdade da Xunta de Galicia achegou a Ribadeo o monólogo ‘Golpes’ -incluído no programa ‘365 días polo respecto e a igualdade’- da man da actriz Estíbaliz Veiga. A primeira función tivo lugar o pasado 1 de decembro para o alumnado do colexio Sagrado Corazón e a segunda desenvolveuse este martes 8 de febreiro no CIFP Porta da Auga onde o alumnado de entre 14 e 17 anos puido presenciar un espectáculo en directo que se basea no excelente traballo da única protagonista que nos presenta múltiples personaxes mostrando o seu compromiso co xénero”.

“A nosa veciña Estíbaliz Veiga achega á rapazada a vida dunha muller en múltiples rexistros, mostrando as distintas etapas dunha mala relación: cando está namorada, cando ri e baila, cando sufre, cando se deixa de querer a si mesma… Estíbaliz expón toda a súa capacidade emocional, o seu compromiso co xénero, as súas habilidades en escena (baile, interpretación, …) na procura da maior verdade e honrar as mulleres que viaxan nesa fatídica travesía, procurando que non haxa máis. É un camiño emocional que procura que o público adolescente consiga relacións igualitarias”, indica Sanjurjo.

A concelleira popular engade que “estudos recentes como o realizado polo Ministerio de Igualdade e a Universidade Complutense de Madrid amosan que entre a poboación máis nova aínda persisten ideas cargadas de sexismo e que xustifican a violencia. A obra é o punto de partida para o traballo na aula. Trátase de previr a desigualdade desde onde nacen as relacións, na adolescencia”, conclúe.

Exit mobile version