Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achega preto dun millón de € aos concellos da Mariña para mellorar camiños de acceso a parcelas agrícolas

Mondoñedo, 21 de febreiro de 2022. A Consellería do Medio Rural achega preto dun millóns de euros (913.878,00 €) aos concellos da Mariña a través do Plan Marco 2022-2023, que contempla axudas para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou hoxe unha das últimas actuacións executadas en Mondoñedo, que conta con 62.113 euros con cargo a Plan Marco 2021-2022 para acondicionar accesos nos núcleos de Seivane, na parroquia dos Remedios; Rúa Travesa, da parroquia de Lindín; e Ferrería, en Santa María.

Arias explicou que o obxecto deste programa é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento das vías de comunicación en áreas rurais, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

O orzamento asignado ao conxunto da provincia de Lugo ascende a 1,1 millóns de euros para esta anualidade e 3,5 millóns para 2023. Arias salientou que o financiamento chega a todos os concellos, co fin de facilitar o acceso ás entidades de poboación asentadas no rural e mellorar as infraestruturas que constitúen as canles de entrada e saída das producións agrarias.

Criterios de distribución
Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos.

A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pola que se convocan as axudas e as contías asignadas a cada municipio. Os concellos teñen de prazo para solicitalas ata o 25 de febreiro.

Exit mobile version