Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destaca en Burela que a igualdade entre mulleres e homes impulsa o talento e a creatividade e avoga pola equidade fronte á fenda de xénero

Burela, 11 de febreiro de 2022. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Burela, onde participou no II Encontro de Mulleres Profesionais da Mariña, organizado por Executivas de Galicia, que a Xunta está a desenvolver políticas públicas baseadas na equidade, a coordinación e a eficacia e eficiencia para acabar coa fenda de xénero e impulsar unha igualdade efectiva entre mulleres e homes que, na súa opinión, impulsará o talento e a creatividade. “As mulleres están chamadas a ocupar o verdadeiro lugar que lles corresponde, liderando o coñecemento e a investigación en todos os seus ámbitos, xa que a diversidade sempre achega novas perspectivas”, indicou.
López Abella indicou que os recursos públicos deben distribuírse da maneira máis equitativa posible, facilitando o acceso ás mulleres que se atopan en situacións de vulnerabilidade ou desvantaxe social; debe primar, ademais, segundo subliñou, a colaboración e a coordinación entre todos os axentes implicados no impulso da igualdade de oportunidades; e, por último, apuntou que a eficacia e a eficiencia son claves para unha asignación racional dos recursos que asegure a sustentabilidade económica e social, á vez que se garante a prestación duns servizos de calidade.

A secretaria xeral da Igualdade sinalou que estes tres principios son a base dos plans estratéxicos de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do III Programa Galego Muller e Ciencia que a Xunta está ultimando. Neste senso, e lembrando que se celebra hoxe o Día Internacional da muller e da nena na ciencia, López Abella avanzou que este terceiro programa pretende lograr un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de forma efectiva o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que priorice as necesidades das mulleres e sexa respectuoso coa diversidade; e así aproveite e reteña o talento tanto das mulleres como dos homes de Galicia, “para ser o motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social sostible que queremos para a nosa comunidade”, concluíu.

Exit mobile version