Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 252.000€ a axudas para mellorar 26 establecementos turísticos da provincia

Rábade, 12 de febreiro de 2022. A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses 252.290 euros a incentivar a mellora de 26 establecementos de aloxamento e de restauración da provincia de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de abrir de novo esta liña de axudas para continuar facilitando a incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade e a renovación das infraestruturas e equipamentos, “dado que estes establecementos son un referente que incide directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos”, afirmou.

Arias realizou estas declaracións durante unha visita a un dos establecementos beneficiados na pasada convocatoria, o hotel restaurante Coto Real en Rábade, na que tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. O delegado explicou que o programa está dotado este ano cun orzamento de 2 millóns de euros e establece un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de marzo.

As achegas financian, entre outras accións, a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización ou a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.

O delegado gabou o esforzo dos hostaleiros “por actualizarse e seguir mellorando os servizos que prestan, mesmo logo destes meses de incerteza provocada pola pandemia”. Neste sentido, subliñou “a estreita colaboración mantida co sector e as sucesivas medidas de apoio postas en marcha polo Goberno galego, como esta destinada á mellora da súa imaxe e das dotacións”.

Balance
Na anterior convocatoria resultaron beneficiados en Lugo un total de 18 establecementos de aloxamento e 8 restaurantes.

No tocante ás obras en infraestruturas, permitiron a incorporación de sistemas de illamento térmico, a rehabilitación de cubertas ou mesmo a instalación de placas solares para mellorar a eficiencia enerxética; tamén se realizaron cambios nas carpinterías, na instalación eléctrica ou na calefacción, e suprimíronse barreiras arquitectónicas.

No que respecta ás instalacións, acometéronse en xeral traballos de reforma e modernización dos locais e do mobiliario, pero tamén de ampliación, creación de terrazas ou embelecemento do entorno. Por último, as axudas permitiron a renovación de equipamento, como fornos e frigoríficos, e a dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización.

Ribadeo é o municipio que recibe o maior número de apoios na provincia, con seis establecementos beneficiados -catro de aloxamento e dous de restauración-, seguido de Barreiros, con tres. Contan con dous beneficiarios Chantada, Lugo, Sarria e Viveiro, e o resto corresponde aos concellos de Guitiriz, Foz, Meira, Monforte de Lemos, O Vicedo, Palas de Rei, Portomarín, Vilalba e Rábade.

Exit mobile version