Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina aos clubs deportivos da Mariña 266.000€ para a súa reactivación, a compra de equipamento e a loita contra a pandemia

Xove, 8 de febreiro de 2021. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, investiu na comarca da Mariña 266.400 euros para a reactivación do deporte a través de 93 axudas directas a clubs ao longo do pasado ano.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o Club Natación de Xove, un dos beneficiarios do programa de mellora de equipamentos, que supuxo nos últimos meses un investimento na Mariña de 86.250 euros destinados a 36 clubs.

Así mesmo, a liña para sufragar a actividade das entidades deportivas sumou 55.900 euros en apoios para 14 entidades da comarca. A Xunta convocou de novo ambas medidas no mes de xaneiro para continuar colaborando co deporte de base en todo o territorio.

Ademais, o ano pasado habilitouse outra liña extraordinaria de reactivación, tras a etapa de paralización e restricións derivadas da pandemia, pola que se achegaron 43 axudas por importe de 124.260 euros na comarca.

Arias afirmou que a Xunta traballou por “axudar ao tecido deportivo a facer fronte ás perdas pola caída de ingresos ou gastos como as cotas federativas; retomar a súa actividade e facelo en condicións de seguridade, implementando elementos e protocolos de prevención fronte ao covid-19; e ampliar e modernizar o seu equipamento”.

Neste sentido, sinalou que a Xunta subvenciona tanto dotacións específicas para a modalidade deportiva de que se trate -embarcacións, porterías, tatamis…- como outros elementos necesarios para o desenvolvemento das actividades, mesmo vehículos para os traslados, así como material sanitario, entre eles desfibriladores ou caixas de primeiros auxilios.

2,7 millóns de euros
O delegado destacou que a Secretaría Xeral para o Deporte destina este ano 2 millóns de euros para as subvencións a clubs, un 4% máis que no 2021, e 700.000 euros para as subvencións para a adquisición de equipamentos.

As primeiras contan cunha dobre liña de actuación; por unha banda, a destinada ao desenvolvemento de actividades deportivas, cunha contía de axuda máxima por entidade beneficiaria de 10.000 euros, e por outra, a destinada aos núcleos de adestramento deportivo especializado, que pode chegar aos 30.000 euros.

No tocante ás achegas para equipamento, duplícase a contía máxima da axuda prevista na anterior convocatoria, ata alcanzar os 10.000 euros tanto para clubs como para federacións.

Exit mobile version