Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta informa en Lugo das axudas de ata 45.000€ que pode pedir o ocio nocturno polos peches de fin de ano

Lugo, 22 de febreiro de 2022. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión con responsables da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) para informar da nova convocatoria de axudas aos negocios do ocio nocturno, que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ten aberto o prazo de solicitude ata o 15 de marzo.

Arias reuniuse co presidente da Apehl, Cheché Real, e co representante das empresas de lecer nocturno na entidade, Juan Agra, para falar da situación que atravesan os establecementos do ramo na provincia e abordar os detalles da nova liña de apoios, que contempla achegas de entre 2.500 e 45.000 euros en función das dimensións dos locais.

Terán dereito ás axudas os negocios que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de pechar entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido pola Consellería de Sanidade ante a alta incidencia da Covid-19 rexistrada nesas datas.

As contías están establecidas en 2.500 euros se os establecementos teñen menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 e 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros cadrados; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000; e 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.

As axudas foron acordadas co sector e poden solicitalas discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos. A concesión realízase pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Arias tamén lembrou o apoio á hostalería a través dos plans de rescate e outras axudas específicas postas en marcha pola Xunta para facer fronte situación xerada pola covid-19. En concreto, remarcou que o 90% dos establecementos de hostalaría da provincia de Lugo, nove de cada dez, recibiron 4.834 axudas directas nos dous primeiros plans de rescate artellados pola Xunta, o que supuxo un investimento de 11,2 millóns de euros.

Exit mobile version