Site icon Crónica3.com A Mariña

Mal perder do Banco Santander que presenta recurso á sentenza gañada en primeira instancia polo Concello de Ribadeo

Ribadeo, 23 de febreiro, 2022. O Banco de Santander ven de presentar na Audiencia Provincial de Lugo un recurso contra a sentenza gañada polo Concello en primeira instancia, que condenaba á entidade a pagar 85.000 euros polas perdas causadas ao non terlle permitido ao Concello de Ribadeo acceder ás contas do finado Francisco Moreda durante máis dun ano.

Fernando Suárez contou que “a finais de novembro pasado, informouse do preito gañado ao Banco de Santander segundo a sentenza de emitida polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Mondoñedo por non terlle dado ao Concello acceso ás contas do finado Francisco Moreda durante máis de un ano. Naquela sentenza púxose de manifesto os danos producidos no patrimonio desta herdanza, por canto ao non poder acceder no tempo razoable, houbo unha serie de produtos financeiros que viron reducido o seu valor”.

E engadiu que “desde o Concello, como titular do Hospital Asilo, e por extensión responsable da xestión desta herdanza, nada puido facer durante todo o tempo que o Banco actuou neglixentemente ao non permitir o acceso ás contas e aos valores. Na sentenza condénase ao Banco a pagar por estas perdas, o que os nosos avogados especializados en Dereito Mercantil, Zamorano & Peleteiro, estiman na cantidade duns 85.000 euros”.

O alcalde de Ribadeo subliñou que “como novidade a este respecto, temos que dicir que o Banco recorreu esta sentenza na Audiencia Provincial de Lugo, polo que debemos agardar agora ao pronunciamento deste Tribunal para confirmar ou non esta sentenza gañada en primeira instancia”.

Exit mobile version