Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acada un acordo unánime para condenar os abusos sexuais de menores no ámbito da Igrexa Católica e investigar con “persoal especializado e medios” os feitos

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2022. O deputado do BNG, Luís Bará, a través dunha proposición non de lei acadou a unanimidade do Parlamento galego para “ condenar os graves casos de abusos sexuais a menores na Igrexa católica e amosar o apoio ás vítimas dos mesmos na súa demanda de verdade, xustiza e reparación”.

Ademais, o acordo inclúe: instar á Xunta a apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Igrexa co fin de reparar o dano causado e a condenar aos responsábeis destes graves delitos, así como dar soporte e apoio ás vítimas, tanto no proceso de denuncia como no tratamento e superación dos danos e secuelas causados polos abusos que sufriron. A comisión de investigación, dixo, debe contra “con persoal especializado e medios”.

Na súa intervención, o nacionalista lembrou que o pasado mes de novembro do 2021, o xornal EL PAIS entregou ao Papa Francisco e á Conferencia Episcopal Española o dossier dunha grande investigación sobre pederastia na igrexa católica, con “251 novos casos e 1.271 vítimas”.

A este respecto, dixo, chama a atención a posición do Estado español en relación con outros países da contorna onde houbo investigacións independentes que deitaron luz sobre unha realidade durante moito tempo silenciada entre os que destacou Francia, que tras unha investigación independente confirmou os abusos de 216.000 menores dende o ano 1950 e 3.200 relixiosos pederastas.

A ausencia de informes e investigacións oficiais, explicou, é un baleiro que está a ser cuberto parcialmente polos medios de comunicación e o ámbito universitario. Neste sentido, aludiu ao estudo presentado en xuño de 2021, e publicado pola Sociedad Aranzadi (Abusos sexuales, menores e instituciones religiosas: respuestas restaurativas desde la investigación), na que un equipo da UOC, da Universidade de Barcelona e da Universidade do País Basco “botou luz sobre unha realidade silenciada”.

En Galiza, engadiu, un dos casos que se coñecen é o da Congregación dos Maristas, na que foron denunciados relixiosos de centros de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense: e segundo a investigación de EL PAÍS habería “13 maristas denunciados por abusos cometidos entre 1956 e 1980” ao que sumou os casos do colexio La Salle en Compostela.

Aínda que a Igrexa amosou a súa vontade de investigar as denuncias e crear oficinas de atención a vítimas, “a resposta é desigual entre os bispados e arcebispados e non satisfai as demandas das asociacións de vítimas que reclaman unha resposta integral desde a xerarquía católica”.

Por outra parte, no ámbito do Estado, a finais de xaneiro de 2022, a Fiscalía Xeral do Estado anunciou unha investigación solicitando ás 17 fiscalías xerais territoriais a remisión de todas as querelas e denuncias en tramitación sobre agresións e abusos sexuais a menores en calquera institución relixiosa. En paralelo, o Congreso deu luz verde a solicitude dunha comisión de investigación sobre casos de pederastia no seo da Igrexa católica.

Feixóo debe rectificar as súas palabras e poñerse ao lado das vítimas

Bará lembrou que o día 1 de xaneiro, o presidente da Xunta preguntado por esta cuestión, afirmou que que a investigación debe ser en todos os ámbitos en non só dentro da Igrexa católica. Para o deputado, con estas declaracións, Feixóo relativiza “a gravidade dos feitos” e non recoñece “o carácter especifico e de maneira sistemática e continuada dos abusos dentro da Igrexa católica” polo que pediu unha “inmediata rectificación” ao titular do Executivo. Feixóo dixo, debe “rectificar e poñerse ao lado das vítimas” que levan moito tempo reclamando das administracións públicas e da xerarquía católica unha resposta contundente para rematar co “silencio e a impunidade”.

A estas alturas, recalcou Bará, os abusos na Igrexa católica “non son casos illados” e urxe crear unha comisión de investigación para reparar ás vítimas.

O deputado agradeceu o apoio unánime á iniciativa do BNG e amosou a súa confianza sobre o seu cumprimento para “investigar os abusos a menores no ámbito da Igrexa católica”, co “persoal e medios necesarios”. O nacionalista indicou que durante moito tempo foi un tema tabú no que houbo “complicidade e encubrimento” e por iso hai que remover o pasado aínda que doa, “esa é a clave para que estes feitos non se repitan”, concluíu.

Exit mobile version