Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo aposta pola potenciación da sanidade pública

Ribadeo, 17 de febreiros, 2022. O BNG de Ribadeo aposta pola potenciación da sanidade pública. Nun contexto xeral de recortes, que se viu agravado pola crise sanitaria xerada pola Covid-19, temos que defender o incremento dos orzamentos dedicados á sanidade, pedir que se deixe de desviar cara á sanidade privada a prestación de servizos, consolidar os postos de traballo xa existentes (para evitar contratacións ridículas de ata media xornada) e aumentar o persoal médico, de enfermaría, auxiliares, etc.

Ano tras ano imos vendo como o señor Feijóo detrae recursos da sanidade pública e potencia os concertos coa privada. Tamén contemplamos como, con man de aceiro, abre expedientes a quen ouse adoptar unha actitude crítica coa súa xestión sanitaria.
Lémbrese o caso da doutora de urxencias no CHUS Fátima Nercellas, quen foi sancionada con 17 días de emprego e soldo por sacar a dous doentes dos corredores de urxencias para poder atendelos en condicións. Xa manda truco que fose, ademais, a curmá do señor Feijóo, Eloína Fernández, quen aplicou esta sanción; todo queda na casa.

E namentres, a atención sanitaria deteriorándose día a día. As listaxes de agarda son sometidas ás máis sofisticadas técnicas de disimulo para poder dicir en sede parlamentaria que todo vai ben. Pero non hai nada como a comprobación, día a día, do tempo que hai que agardar para lograrmos ser atendidos. A ninguén se lle escapa a delicada situación xerada pola Covid-19. Pero lonxe da sensación de que as autoridades sanitarias están a reaccionar, o persoal sanitario percibe como unha clara advertencia sancións como as da doutora Fátima Nercellas. E seguen a ver como as contratacións feitas na sanidade pública continúan a ser ridículas.

Isto non só afecta á xente nova que sofre esas contratacións; tamén lle afecta ao persoal sanitario consolidado que non pode sacar adiante o traballo coa mesma dilixencia: é ben distinto contar co apoio dunha persoa con certa estabilidade para reforzar o traballo nun centro de saúde, que andar cada día explicándolle a unha persoa nova o que ten que facer. Segue a haber contratos de un día, no que mesmo se teñen que desempeñar funcións distintas segundo a hora. Non é de estrañar que haxa mozas e mozos que prefiran ir traballar ao estranxeiro con mellores condicións.

Ao señor Feijóo éncheselle a boca pedindo cousas ao goberno central (mesmo ás veces esquecendo que está na súa man facelas se quixese aplicar as competencias de que dispón), ou tamén desviando cara ás corporacións locais funcións que non lles corresponden. Mentres tanto, o persoal sanitario, vocacional onde os haxa, segue a manter unha actitude valente no desempeño das súas funcións; e os usuarios e usuarias da sanidade pública vémonos, cada vez máis, abocados a reclamar da administración que se nos proporcione un servizo eficaz. Pero non podemos caer na trampa á que nos queren levar: queixarnos directamente aos profesionais como se fose un antollo deles a situación que padecemos.

Como vai poder unha doutora, ou un enfermeiro, atender en condicións sesenta pacientes ao longo da mañá, mesmo con saídas por emerxencias? Cantas veces non temos comprobado que, agardando pola nosa vez no centro de saúde de Ribadeo, ou calquera outro, vemos que a nosa médica ten que saír a atender unha urxencia e despois non lle deu tempo a atender todas as citas concertadas? Tomemos conciencia da necesidade de entregarmos por escrito as nosas queixas, no canto de desafogar cos profesionais sanitarios, vítimas tamén desta situación. E que perdure na nosa memoria, á hora de ir votar, dito enfado.

Para facer fronte a esta situación, o BNG ten proposto o aumento do orzamento sanitario; ten pedido que se aumente o persoal sanitario para poder reducir as listaxes de agarda até a súa eliminación; ten presentado un Plan de Mellora da Atención Primaria co obxectivo de acadar o 20% do orzamento sanitario; e, por suposto, ten reclamado que as privatizacións e externalizacións dos servizos sanitarios revertan ao sistema sanitario público. Non esquecemos que se introduciu, xa hai tempo, o copago farmacéutico, e seguimos esixindo que se retire.

Para que estas demandas calen na sociedade e non quede outra que aplicalas desde o goberno da Xunta de Galiza, temos que mostrar desde a base mesma do sistema sanitario, desde a atención primaria, que reivindicamos estes cambios profundos na política sanitaria. Desde logo, se o BNG chega a ter responsabilidades de goberno, aplicará ditas medidas.

Exit mobile version