Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo aposta por levar á práctica un tratamento eficaz das faixas de xestión de biomasa como medida contra os incendios

Ribadeo, 11 de febreiro, 2022. O BNG sempre demostrou con feitos o seu compromiso cos montes galegos. O goberno municipal do Concello de Ribadeo, apoiado polo BNG, ben que demostrou ao longo destes anos o seu interese por aplicar políticas preventivas no canto de andar con andrómenas, ou mesmo encirrando na veciñanza.

Esa actitude cínica, a de encirrar a veciñanza, púidose ver ben cando o goberno municipal de Ribadeo puxo especial empeño na aplicación da lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para as redes secundarias de franxas de xestión de biomasa. A lembranza dos incendios nos concellos veciños do Eo-Navia, non pasou desapercibida a ninguén. O lume non é só cousa do verán; hai que traballar arreo todo o ano para que non prenda e se espalle sen control. E para iso hai que ter limpo o monte e debemos evitar que as nosas casas estean expostas ao poder depredador do lume a través das especies pirófitas. Pero as inercias de anos non se superan axiña. Sobre todo, se hai quen anda a marear o peixe.

A normativa ao respecto é clara: Lei 3/2007, do 9 de abril, (Lei de Incendios de Galicia); orde do 31 de xullo de 2007 da Consellaría do Medio Rural pola que se establecen os criterios para a xestión da biomasa vexetal; INSTRUCIÓN 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. E desde o Concello púxose en marcha unha ORDENANZA MUNICIPAL para a prevención de incendios forestais e a salvagarda das condicións de limpeza, ornato, salubridade e seguridade dos terreos pola que se regulan as plantacións arbóreas, as obrigas de xestión de biomasa e os usos do lume no solo urbano, de núcleo rural e urbanizábel do concello de Ribadeo.

Desde outubro de 2017 o Concello de Ribadeo comezou a identificar as parcelas que non cumprían co establecido pola Xunta na súa normativa sobre prevención de incendios. Entre outubro de 2017 e maio de 2018 diríxese en varias ocasións á Consellaría de Medio Rural para solicitarlle apoio na posta en práctica destas medidas preventivas. A lei obriga á Xunta a prestar ese apoio aos concellos cando estes non dispoñan dos medios necesarios para levar a cabo tal labor de control e seguimento. Pero a Xunta, ou ben respondía a última hora, ou ben daba a calada por resposta. Tras un silencio ben explícito, o Concello seguiu adiante co seu empeño por levar á práctica unha política seria de prevención de incendios, explicando con calma á veciñanza por que se debe manter a distancia que indica a lei para evitar que o lume incontrolado acabe até coas propias casas.

Custou tempo, esforzos, medios e coraxe política. Pero, á fin, foi saíndo adiante o empeño de protexermos as nosas parroquias dos efectos do lume. O labor desenvolvido pola acción de goberno do BNG foi referente en toda Galiza. Resulta ben curioso que, namentres o BNG, a través da súa acción de goberno, impulsaba aplicar unha lei autonómica para prever os incendios forestais, había quen buscaba un pretexto tras doutro para sacar tallada política e intentar desgastar o labor do goberno municipal. E como non, o goberno autonómico, capitaneado polo señor Feijoo, sacaba unha instrución na que trasladaba a responsabilidade aos concellos sen lles proporcionar os recursos necesarios para afrontar o labor que lles encomendara a Xunta de xeito interesado e oportunista.

Unha vez máis, o BNG dá exemplo de coherencia e de compromiso co país e con todos os cidadáns e cidadás: cando gobernamos levamos a cabo o noso programa de goberno sen esquecer as nosas responsabilidades institucionais. E a loita contra o lume, máis alá das lexítimas diferenzas entre unhas opcións e outras, é unha responsabilidade colectiva que debería estar por riba de ditas diferenzas; é unha responsabilidade colectiva que nos pode e nos leva a actuar con seriedade e rigor. O froito do noso esforzo vaise vendo ano tras ano.

Aínda vai ser mérito do BNG que se cumpra a normativa autonómica vixente no que a prevención de incendios se refire.

Exit mobile version