Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva ao parlamento a problemática da comercialización do marraxo dientuso

A Mariña, venres 11 de febreiro 2022. Por terceiro ano consecutivo, e inexplicábel e incomprensibelmente, o Goberno español está a impedir a pesca e a comercialización do marraxo dientuso ao sector do palangre de superficie galego, único no Estado que dirixe a súa actividade a esa especie, entre outras.

A decisión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT), tomada na súa reunión do pasado mes de novembro e en vigor dende xaneiro deste mesmo ano para as dúas vindeiras campañas, vén de prohibir reter, transbordar e desembarcar, total ou parcialmente, marraxo dientuso do Atlántico Norte.

Malia que era unha decisión agardada polo sector, volve ser un golpe durísimo para unha frota que fixo enormes esforzos dirixidos á sostibilidade dos recursos nos últimos anos, nos que vén reducindo as súas capturas case un 40% e dotándose voluntariamente de monitores electrónicos e dun maior número que o requirido de observadores a bordo para aportar máis datos científicos.

Agora, mentres se inicia unha fase de recuperación da especie, deberán agardar a vindeira avaliación da ICCAT que estaba prevista para 2027 e que finalmente adiántase ao 2024.

Barcos da Mariña con capturas bloqueadas
Esta situación totalmente anormal e extremadamente gravosa para o sector e que afecta tamén a barcos da Mariña, e coa aplicación dos certificados CITES (Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres) afecta a capturas dos anos 2020, 2021 e 2022, capturas que quedan bloqueadas ao chegar a porto porque non se expiden os certificados CITES.

Por estes motivos a deputada Rosana Pérez e o deputado Daniel Castro levan varias iniciativas, preguntas e proposicións non de lei ao respecto ao Parlamento solicitando á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a atopar solucións para a flota e instando ao o goberno da Xunta de Galiza a demandar do Estado español a:

1.- Comunicar de inmediato os cupos CITES para 2022 ao sector pesqueiro afectado.
2.- Confirmar por escrito ao sector que existe coordinación entre o Ministerio de Pesca e o de Transición Ecolóxica, que debe ser recoñecida expresamente por ambas as dúas partes, na xestión dos cupos e uso dos certificados.
3.- Despexar definitivamente se as cantidades de marraxo capturado legalmente no ano 2021 en proceso de estar en depósito aduaneiro, así como as que xa o están, e que continúan pendentes de certificación, poderán facelo con cargo aos cupos de 2022.”

Exit mobile version