Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro aclara que as comunicacións do catastro recibidas por numerosos veciños non implican expropiacións de parcelas

Viveiro, 7 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro quere transmitir á cidadanía unha aclaración respecto ás comunicacións do Catastro recibidas por numerosos veciños/as do municipio referentes a acordos de alteración da descrición catastral dos seus inmobles. Neste sentido, dende o goberno municipal quérese informar, en primeiro lugar, que mediante eses comunicados non se está a tramitar ningún tipo de expropiación.

O Concello de Viveiro explica que, simplemente, se está a realizar a modificación cartográfica das parcelas afectadas, no seu día, polas expropiacións da liña de FEVE no tramo comprendido entre Viveiro e Vegadeo. Unha modificación de acordo cos límites de expropiación levados a cabo en data 19-06-1968 pola Xefatura da Construción da Dirección Xeral de Transportes Terrestres, é dicir, a antiga FEVE, hoxe ADIF.

Mediante esta comunicación estase a notificar a todas as parcelas e edificacións que lindan coa liña de FEVE que se vai proceder a modificar a planimetría catastral. O obxectivo é incluír na planimetría as zonas de afección referida, sen que isto implique novas expropiacións.

Anteriormente, por parte do Catastro xa se remitiron comunicacións similares aos titulares das parcelas afectadas polas expropiacións da estrada LI-862 Ferrol-San Cibrao e da VAC, así como tamén das parcelas afectadas pola liña de deslinde de Costas.

O Concello de Viveiro conta coa información que vén de comunicar á cidadanía. Non obstante, calquera veciño ou veciña afectado pode dirixirse á Xerencia Territorial do Catastro para solicitar información ao respecto.

Exit mobile version