Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro impulsa o seu primeiro plan de igualdade e acolle unha nova reunión da mesa local de coordinación contra a violencia de xénero

Viveiro, 3 de febreiro de 2022. O Concello de Viveiro informa que hoxe, 3 de febreiro, se celebrou a Mesa local de coordinación contra a violencia de xénero, na que estiveron presentes representantes das entidades ou organismos que a integran.

Ademais da alcaldesa, María Loureiro; da concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega; e dos representantes dos grupos políticos municipais e da Subdelegación de Lugo, participaron nesta reunión persoal do Centro de Información á Muller; de Servizos Sociais; da Policía Local; da Policía Nacional; da Garda Civil; do CEIP de Covas; do CEIP de Celeiro; do CEIP Santa Rita de Galdo; do CPR Landro Viveiro; do CEP Lois Tobío; do IES Vilar Ponte, do Centro de Saúde e do Xulgado de Viveiro.

Segundo a orde do día da reunión, tras a lectura e aprobación da acta da mesa anterior, analizouse a situación das vítimas de violencia de xénero activas no Concello de Viveiro; analizouse a coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local neste tema; facilitouse información sobre o Programa de Actos para o 8 de marzo, para a súa coordinación con outros axentes sociais, e informouse sobre o Plan de Igualdade para o persoal do Concello de Viveiro.

No apartado de rogos e preguntas, tratouse o rogo presentado polos representantes do Xulgado de Viveiro nesta Mesa, en relación co personamento da Xunta de Galicia como acusación particular en todos os casos de violencia de xénero con resultado de morte, acordando dar conta ás autoridades competentes.

Asemade, no día de hoxe constituíuse a Comisión Negociadora do Plan de Igualdade para empregadas e empregados públicos do Concello de Viveiro 2022-2026.

Co impulso e aprobación deste primeiro plan de igualdade, o Concello de Viveiro reforza o seu compromiso no traballo pola igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos. A súa aprobación suporá dar cumprimento aos preceptos legais vixentes no que respecta á obriga de todas as administracións públicas de adoptar medidas dirixidas a evitar calquera tipo de discriminación por razóns de xénero e á elaboración dun plan no seo da organización.

Esta primeira reunión serviu para presentar este documento ao integrantes da comisión, acordando como proposta a elaboración do regulamento de funcionamento da comisión e a designación de representantes por parte de cada sindicato con representación no concello.

Inicialmente estaba previsto celebrar ambas reunións na Sala Multiusos da Casa do Concello, debendo cambiar a súa ubicación e trasladalas ao Teatro Pastor Díaz, tras coñecer que o Sergas prolonga a realización de test de antíxenos.

Exit mobile version