Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello e a Comunidade de Montes de Cervo inician os trámites para a realización dunha pista ecuestre nas inmediacións das instalacións deportivas da Bidueira

Cervo, de febreiro de 2022. O Concello de Cervo inicia os trámites para a realización dunha pista ecuestre nas inmediacións das instalacións deportivas da Bidueira.

O alcalde, Alfonso Villares, e o concelleiro de deportes, David Rodríguez, reuníronse con membros da Comunidade de Montes de Cervo e cunha representación de veciños afeccionados ao mundo ecuestre, para facilitarlles información sobre o proxecto, que se executará nos vindeiros meses.

A realización desta pista vai ser posible grazas á sinatura dun convenio por parte da Comunidade de Montes e o ente municipal, no que a Comunidade cede os terreos para a súa construción e o Concello aporta a financiación pertinente.

Con este novo proxecto retomarase a actividade nas instalacións da Bidueira, antigo campo de fútbol da S.D. Cervo, que se atopa en desuso desde que o club cesara a súa actividade no ano 2018. Coa creación desta pista ao seu carón, podería ser sede de campionatos e diferentes tipos de encontros cabalares.

Segundo o concelleiro de turismo, David Rodríguez, “esta iniciativa nace froito da comunicación cun grupo de veciños e veciñas afeccionados ao mundo ecuestre, posto que no noso municipio hai unha gran tradición. Así tamén, conseguimos crear un espazo apto e seguro para a equitación dentro do noso concello, mellorando a seguridade nas vías públicas ao evitar a presencia de animais nas calzadas municipais”.

Para o alcalde, Alfonso Villares, “a creación desta pista é, ademais, unha boa nova para as instalacións da Bidueira, antigo campo de fútbol do S.D. Cervo, que agora vai poder albergar competicións e encontros cabalares de todo tipo”.

“A realización deste proxecto tamén vai ter un gran impacto positivo a nivel turístico, pois todos os eventos que se realicen nesas novas instalacións van atraer visitantes de diferentes puntos da xeografía galega”, engadiu o rexedor.

Exit mobile version