Site icon Crónica3.com A Mariña

O ex-ministro César Antonio Molina, Cunqueiriano de Honra

Mondoñedo, 8 de febreiro, 2022. O escritor César Antonio Molina acaba de ser nomeado Cunqueiriano de Honra por unha comisión designada polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. En vindeiras datas recibirá o seu nomeamento en Mondoñedo.

César Antonio Molina (A Coruña, 1952) vén de ser declarado Cunqueiriano de Honra de 2022. Esta distinción, instituída polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, recoñece cada ano o labor de persoas ou entidades que se teñen significado na visibilización, promoción e estudo da vida e da obra do insigne escritor mindoniense.

A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Rexina Vega (Cunqueiriana de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC).

A reunión de deliberación tivo lugar na mañá do sábado día 5 nas dependencias do Concello de Mondoñedo e nela debatéronse diferentes propostas ata o final nomeamento de Molina, de quen a comisión destacou os seus numerosos méritos a prol do estudo, edición e promoción da obra cunqueiriana.

Entre os valores salientados polos responsables da escolla están a ampla serie de antoloxías do periodismo cunqueiriano das que se responsabilizou (Tesoros y otras magias, 1984; Viajes imaginarios y reales, 1986; Los otros caminos, 1988; El pasajero en Galicia, 1989; La bella del dragón, 1991), a edición e tradución da súa poesía (Antología poética, 1983), así como a publicación de ensaios (Homenaje a Álvaro Cunqueiro, 1994), infinidade de artigos, conferencias e capítulos de libros dedicados ao mindoniense, amais de iniciativas como a magna exposición sobre Cunqueiro que organizou o Círculo de Bellas Artes de Madrid en 2003 baixo a súa dirección ou o bautizo da Biblioteca do Instituto Cervantes de Damasco co nome do escritor en 2006 sendo o coruñés máximo responsable deste Instituto.

O nomeamento de César Antonio Molina como Cunqueiriano de Honra de 2022 vén sumarse a unha longa nómina de prestixiosos galardóns, entre os que se contan condecoracións de diversas ordes de mérito europeas, nomeamentos honoris causa de universidades, numerosos premios de xornalismo, literarios e do ámbito das Humanidades en xeral, ademais da pertenza a academias.

Coa designación de César Antonio Molina como Cunqueiriano de Honra o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes ou Rexina Vega, entre outros.

Exit mobile version