Na memoria do proxecto indícase que esta actuación prográmase dado que o estado dunha parte importante dos muros de contención que conforman esta rúa, na súa confluencia coa antiga N-634, atópanse en moi mal estado de conservación; nalgúns tramos sufriron derrubes, polo que se require unha reconstrución dos mesmos.
Explícase na memoria que “xorde entón a oportunidade de realizar a reconstrución variando lixeiramente as aliñacións co fin de facilitar o acceso á zona de vehículos de emerxencias e os necesarios para o mantemento do conxunto construído actual”.
Esta rúa bordea a zona coñecida como Os Castros de Mondoñedo, na que se atoparon vestixios dun castro, sobre o que o plan xeral recentemente aprobado establece unha zona verde con fin arqueolóxico. Este futuro parque arqueolóxico tería dende a rúa Rocha de Vélez o seu principal acceso con vehículos. Habilitar esta rúa supón poder acceder ao futuro parque do Castro que, aínda que só sexa para mantemento, require un acceso de vehículos.
Tamén se busca mellorar o entorno do cemiterio municipal.
Por outro lado, é imprescindible a mellora da accesibilidade ás vivendas e parcelas existentes neste ámbito dos vehículos de emerxencias. Igualmente, búscase conseguir a posta en valor desta parte da cidade.