Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro pide ao goberno local que dote ao polígono de servizos básicos co fin de facilitar o seu desenvolvemento industrial e aumentar a súa competitividade

Viveiro, 14 de febreiro de 2022. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro recolle as demandas dos empresarios e pide ao goberno local que dote ao polígono de servizos básicos. Trátase, segundo apuntan dende o PP, de facilitar o desenvolvemento industrial e aumentar a competitividade das entidades asentadas nesta infraestrutura, situada en Landrove.

Os populares adoptaron esta decisión, que levarán ao vindeiro pleno municipal, logo de que os empresarios os alertasen de que a iluminación, os colectores e a limpeza son escasos; a cobertura de internet é mínima; e de que tampouco dispón de sinalización interior nin exterior.

O voceiro Óscar Rodríguez considera que “é inadmisible como está o polígono” e defende que o equipo de goberno “ten que exercer a súa responsabilidade, pois o mantemento e a dotación de servizos é de competencia municipal”. Ademais, explica, este polígono foi un dos que máis actividade rexistrou no último ano, xa que tan só quedan cinco parcelas sen vender.

É por elo que os populares, na reunión que mantiveron cos afectados nas últimas horas, lles trasladaron o seu compromiso de atender as súas demandas e de impulsar esta infraestrutura. “Nos tempos que corren, arrastrados polos efectos da pandemia, é aínda máis importante se cabe impulsar políticas que favorezan a reactivación económica. Dende logo, ter un polígono sen os servizos mínimos demostra a nula implicación dun Concello, cuxa alcaldesa está dedicada a todo, menos ao que piden os seus veciños e ao que Viveiro precisa”, afirma.

Para Rodríguez este é outro exemplo da “mala xestión” da socialista, “que só reacciona cando lle interesa a ela ou ao seu Partido. Cando o interese é dos veciños, o que fai é mirar para outro lado. E non o dicimos dende o PP, estanllo dicindo os empresarios do seu pobo, que son os que sustentan a economía local”, insiste.

Exit mobile version