Site icon Crónica3.com A Mariña

O proxecto Burela – IN promove novas actividades durante o 2022

Burela, 14 de febreiro, 2022. Burela IN é un proxecto que pon en colaboración a tres sectores clave no Concello de Burela: o sector pesqueiro, as entidades de inclusión social, e á propia administración local. A través da cooperación e o traballo conxunto, no ano 2021 desenvolvéronse as primeiras actividades relacionadas co proxecto Burela IN, consistentes en recollidas de plásticos nos areais da contorna, e na elaboración dun produto elaborado de xeito artesán por parte dos centros de inclusión social, empregando elementos mariñeiros en desuso, como as redes de pesca.

Novas actividades do proxecto #BurelaIN durante o 2022

Durante o 2022, acondicionarase un muro cunha obra de arte mural que reflicta o carácter mariñeiro da vila. A obra artística seleccionarase a través dun concurso de propostas artísticas, cuxo prazo está aberto ata o día 13 de marzo (poden consultarse as bases na páxina web do Concello de Burela, a partir do 14 de febreiro). A obra gañadora será executada no muro situado na Rúa do Berbés, esquina Eijo Garay, contemplando a utilización de materiais en desuso como redes e gres, e será premiada con 3.000€.

Animamos ás e aos artistas que teñan interese en presentar unha proposta, a que participen dunha xuntanza o día 22 de febreiro, que comezará ás 10h diante de dito muro, para coñecer o espazo e os materiais cos que contarán para realizar a proposta. Para participar, agradecemos que confirmen a súa asistencia no correo electrónico burelain@burela.org ou no teléfono 627 096 062.

Ademais, o proxecto Burela IN continúa a súa andaina para a concienciación sobre a problemática do lixo mariño e a transformación de residuos. Para iso, elaborará unha mostra informativa, empregando os refugallos recollidos nas actividades ambientais, e explicando a súa orixe e consecuencias. Esta mostra terá un carácter itinerante, e será elaborada entre as asociacións participantes no proxecto.

Por último, no mes de xullo, planificamos unha xornada de presentación de resultados, onde convidaremos á cidadanía a participar xunto con todas as entidades que están a formar parte do proxecto #BurelaIN.

Exit mobile version