Site icon Crónica3.com A Mariña

Os clubs da provincia recibiron equipamentos deportivos por importe de 413.000€

Lugo, 23 de febreiro de 2022. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro con seis equipos da cidade de Lugo que recibiron material deportivo grazas ás dúas ordes de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo resoltas en 2021 e que acadaron un orzamento total de 2,6 millóns de euros -700.000 euros na convocatoria ordinaria e 1,9 millóns de euros da convocatoria extraordinaria executada grazas aos Fondos de Consenso-. En total, as 89 entidades da provincia lucense que foron beneficiarias dalgunha destas liñas de axudas, adquiriron material deportivo por importe de 412.900,93 euros, cunha achega da Secretaría Xeral para o Deporte de 249.529,77 euros.

Máis en concreto, as entidades lucenses que participaron hoxe na recepción foron o Club Ciclista Cidade de Lugo que adquiriu bicicletas, rolos, baca e caixa de primeiros auxilios; o Club Deportivo Lucus Rally que se fixo con un remolque; o Club Piragüismo Cidade de Lugo que acadou embarcacións de competición; o Club Fluvial de Lugo, con embarcacións, pas e chalecos; así como o Judo Club LugoKan e o Club Deportivo Sagrado Corazón con cadansúa furgoneta. En total, o material deportivo que recibiu estes seis clubs está valorado en preto de 80.000 euros (78.7171,50 euros).

Cómpre salientar que estas axudas, ademais do material relativo á práctica deportiva desenvolta, tamén supoñen unha axuda na loita contra a pandemia xa que o material sanitario inclúe equipamento de seguridade e prevención inventariable no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.).

Lete Lasa salientou que, no primeiro semestre do ano resolverase a nova orde de subvencións para a adquisición de equipamento deportivo deste exercicio cuxo prazo de solicitude rematou o pasado 7 de febreiro e que volve contar cun orzamento inicial de 700.000 euros. Cómpre sinalar que, os clubs deportivos galegos, sociedades anónimas deportivas e as federacións deportivas galegas poderán recibir o pagamento do 100% da subvención concedida de xeito anticipado, grazas á autorización do Consello da Xunta. O financiamento outorgado polo Goberno galego será do 80% do gasto subvencionable establecéndose como importe mínimo unha contía de 1.000 euros e máximo de 10.000 euros por entidade, equiparándose por vez primeira a máxima contía dos clubs coa das federacións. As entidades que recibiron axuda en 2021 poden volver recibir subvención na convocatorias de 2022. Non obstante as entidades que non recibiran subvención neste exercicio contarán con 20 puntos co obxectivo de achegar estas subvencións ao máximo de entidades posibles ao longo desta lexislatura.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a importancia que estas axudas teñen para manter o excelente nivel competitivo de moitos dos clubs lucenses. Ademais, sinalou que serven para contribuír a mellorar a súa infraestrutura de cara a incrementar as canteiras destes equipos e garantir a súa continuidade

Exit mobile version