Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé subliña en Viveiro e Foz “a necesidade de ensanchar as bases do partido para ser determinantes como forza política”

Viveiro/Foz, 3 de febreiro de 2022. José Tomé Roca, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, continúa co seu compromiso de manter reunións coa militancia de toda a provincia. Hoxe completou a súa visita á Mariña, con reunións en Foz e Viveiro, acollendo á militancia dos municipios da contorna, pechando así as xuntanzas que mantivo este martes en Cervo e Ribadeo.
O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo impulsa a iniciativa Camiñamos Xuntos, coa que visita entre esta semana e a próxima aos militantes de todas as comarcas lucenses de cara a preparar o IV Congreso Provincial, que terá lugar o vindeiro 20 de febreiro.

Deste modo, Tomé Roca mantivo esta tarde un encontro cos militantes de Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo e Foz, na sede socialista deste último municipio. Tamén acompañou a última hora da tarde á militancia de Viveiro, na sede do PSdeG na cidade do Landro, acompañados dos socialistas de Muras, Ourol e O Vicedo.

“Se queremos que os socialistas de Lugo sexan determinantes, a clave está en ensanchar as bases do partido”, remarcou o socialista. Tomé Roca fixo tamén fincapé na necesidade de que as persoas que están nas organizacións políticas locais “se sintan arroupados e acompañados, cun contacto directo coa dirección do partido, tanto se gobernan como se están na oposición”.

Desta forma, o seu obxectivo como futuro líder provincial do PSdeG é “manter o contacto que creamos coa iniciativa Camiñamos Xuntos para que todos e todas os integrantes do partido se sintan acompañados”.

José Tomé Roca incidiu nos seus encontros coa militancia na importancia das bases para “consolidar a situación actual, xa que gobernamos para o 65% da poboación lucense”. Unha “maioría social” que os socialistas aspiran a aumentar de cara ás vindeiras citas electorais, “algo para o que necesitaremos un partido unido, cunha militancia que se sinta escoitada e integrada”, recalcou Tomé Roca.

O candidato estará mañá venres en Lugo. Na fin de semana visitará Becerreá, Sarria e Vilalba, mentres que a vindeira semana será a quenda da Fonsagrada e Pol.

Exit mobile version