Site icon Crónica3.com A Mariña

VIA Alfoz amosa cautela e sosego ante o anteproxecto da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral

Alfoz, 10 de febreiro de 2022. Por medio do presente comunicado, desde VIA Alfoz queremos mostrar cautela e sosego ante informacións difundidas nas últimas datas respecto ao anteproxecto da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral (CHR Xistral), a diferencia doutros partidos, que pretenden facer política con este asunto no canto de defender os intereses do noso concello e da súa veciñanza.

Antes de adoptar unha postura, estivemos analizando o anteproxecto, escoitanto á xente afectada (tanto directos, polo infortunio de tocarlle nas súas propiedades, como indirectos, xa que aí entramos o resto da veciñanza de Alfoz). Así, desde VIA Alfoz, consideramos que tal e como está estruturado e redactado o anteproxecto carece de información suficiente sobre as previsións reais de emprego, as consecuencias dun desmantelamento no caso de cesar a actividade, a afección no traballo dos residentes do concello, ou sobre a perturbación que sufriría o noso río, clima, terreos… entre outras cousas, sen entrar en tecnicismos. A opinión de VIA Alfoz é, polo tanto, DESFAVORABLE a calquera instalación que vaia en contra dos intereses de Alfoz e da súa veciñanza.

Coñecedores de que o Grupo Atalaya Generación ten intención de celebrar unha conferencia telemática cos Alcaldes dos concellos afectados, desde VIA Alfoz consideramos que o Goberno Municipal debe difundir coa maior transparencia a información que o Grupo Atalaya Generación transmita na citada reunión.

Así, o Grupo Municipal de VIA Alfoz, vén de presentar unha solicitude para que os voceiros dos grupos da oposición poidan formar parte desa conferencia telemática, como garante de que a información compartida nesta reunión se transmita con transparencia á veciñanza no acto informativo programado para o vindeiro 16 de febreiro polo Concello de Alfoz.

Desde VIA Alfoz estamos sorprendidos non só pola pasividade do goberno local do PSOE e do seu alcalde Jorge Val, ante a falta de información e transparencia cara a veciñanza, se non tamén da aptitude do PP de Alfoz, interesado en solicitar, para tratar este tema, a celebración dunha xunta de portavoces, figura que non existe no noso concello, ou dun Pleno extraordinario monográfico, que consideramos innecesario neste momento, posto que xa hai programado un acto informativo para o vindeiro 16 de febreiro.

En VIA Alfoz entendemos que a nosa misión é asegurarse de que a información chega á poboación de xeito verdadeiro e fiable, sen partidismos.

Exit mobile version