Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios afirma que a sentenza do supremo que anula o parque de Sasdónigas pon en cuestión o modelo eólico da Xunta

Mondoñedo, 10 de marzo de 2022. O presidente da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA), Manuel Pérez Arias, asegurou hoxe que a sentenza do Tribunal Supremo que anula definitivamente os parques eólicos de Sasdónigas 1 e 2, no concello lucense de Mondoñedo, “abre a porta a outras accións administrativas en marcha para tentar mudar o prexudicial modelo eólico da Xunta” e serve de advertencia sobre os graves efectos que sobre o patrimonio medioambiental, cultural e mesmo turístico están a provocar os que se están desenvolvendo en toda Galicia.

O coordinador de afectados por parques eólicos de ACOUGA e representante dunha parte dos afectados polo de Sasdónigas, Manuel Germade, salientou á “actitude neglixente e a complicidade” das administracións (Xunta, Xacobeo, Concello de Mondoñedo e confederacións hidrográficas) e a empresa promotora do parque, Norvento, no proxecto e execución das instalacións eólicas anuladas pola xustiza. “A Xunta -remarcou- fixo de comercial de Norvento”, á que lle concederon toda caste de beneficios fiscais.
Germade fixo fincapé no dano irreparable provocado polos oito muíños, a subestación eléctrica e as vías de evacuación que compoñen este parque sobre o Camiño Primitivo de Santiago, un xacemento romano e unha turbeira que conta con protección da Unión Europea, ademais de sobre o conxunto paisaxístico da zona.

Un precedente importante para Galicia
O avogado Borja Colmenero, en representación da asesoría xurídica de ACOUGA e responsable da demanda xudicial de parte dos afectados por Sasdónigas, fixo fincapé en que a sentenza crea xurisprudencia sobre tres aspectos cruciais no desenvolvemento de futuros parques e dos que están xa en funcionamento e “crea un precedente importante para o conxunto do país”.

Por unha parte, prohibe a fragmentación dos proxectos, o que deixa en evidencia a mala praxe da Xunta ao permitirlles ás empresas, como ocorre neste caso de Sasdónigas, acudir a este procedemento fraudulento.

Ademais, “impón a valoración dos efectos sinérxicos e acumulativos de cada parque”. Deste xeito, o estudo medioambiental dos proxectos debe incluír os efectos prexudiciais dos demais parques que existan na zona, xa que pode darse o caso de que se cumpra a normativa individualmente pero no de xeito acumulativo.

Por último, o proxecto debe ofrecer alternativas reais e viables á construción do parque en cuestión, de xeito que se poda elixir entre as distintas opcións formuladas.

En canto ao efecto concreto da resolución xudicial sobre Sasdónigas, o letrado anunciou unha complexa execución de sentenza, que pode incluír o desmantelamento completo das instalacións e a restitución no posible dos terreos ao seu estado anterior, manter parte delas con compensacións aos propietarios dos terreos ou posibles indemnizacións polo uso indebido da explotación.

Exit mobile version