Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación cumpre co compromiso de enviar axuda económica e material ao pobo ucraíno

Lugo, 18 de marzo de 2022. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a axuda económica e material comprometida hai uns días polo Presidente da institución, José Tomé Roca, ao pobo ucraíno por importe de 28.000€. Trátase dunha achega económica de 10.000€ e outra en especie por importe de 18.000€ que, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, se destinará á compra de material básico de primeira necesidade que determinarán as organizacións que están traballando sobre o terreo e que poden ser dende produtos alimenticios a artigos hixiénicos ou sanitarios.

“Unha achega coa que queremos colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa, con miles de persoas mortas e feridas e máis de 3 millóns de ucraínos e ucraínas que tiveron que escapar da súa casa, do seu país, para salvar a vida”, sinalou García Porto.

A voceira socialista explicou que as axudas se canalizarán “a través de Cruz Vermella, que é unha das organizacións que o Goberno de España estableceu para a colaboración con Ucraína” e que, ademais desta colaboración directa, a Xunta de Goberno ratificou a disposición da institución a colaborar “en todas aquelas medidas que sexan necesarias, como a procura de aloxamento temporal ou solucións habitacionais”, en función das posibilidades e recursos dispoñibles e da situación da provincia.

A Deputada tamén lembrou que os grupos políticos representados na Corporación provincial acordaron por unanimidade nunha Xunta de Voceiros e Voceiras unha Declaración Institucional na que condenan a invasión de Ucraína por parte de Rusia, ademais de expresar a súa total solidariedade co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución de axudar a paliar a crise humanitaria a través dos cauces establecidos polo Goberno de España.

Centros de Atención a Maiores da Deputación
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén acordou licitar o contrato para a prestación do servizo de mantemento integral das instalacións térmicas e de control e prevención da lexionelose nas residencias da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Castroverde e Meira -xa en funcionamento- e nos centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, que segundo lembrou a voceira socialista, está previsto abrir neste ano.

O importe base de licitación deste contrato é de 70.000€ e terá unha duración dun ano, prorrogable por outro máis, sen que a duración total exceda de dous.

Tamén quedou aprobada a modificación do contrato de subministro de enerxía eléctrica da Deputación de Lugo para incorporar ao mesmo o Centro de Maiores de Navia de Suarna facendo unha aportación que chega aos 17.600€, precisamente para seguir dando pasos de cara a abrir a residencia neste ano.

Parque Móbil provincial
A Xunta de Goberno aprobou así mesmo a licitación do contrato para a prestación do servizo de mantemento e reparacións dos vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil da Deputación por importe de 30.000€ e unha duración dun ano, prorrogable por outro.

Na reunión de hoxe, o Executivo acordou ademais licitar o contrato para o servizo de mantemento e conservación de diferentes edificios da Deputación de Lugo por algo máis de 140.000€ e un ano de duración. Concretamente, neste contrato están incluídos o pavillón 4 e a Capela de Santa María; o Museo Provincial; o Pazo dos Deportes e pavillón anexo; a Escola de Piragüismo; e os museos de San Paio de Narla, do Mar e do Pazo de Tor.

Exit mobile version