Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia trae a Lourenzá a mostra “A memoria do son”, con réplicas de instrumentos medievais do Centrad

Lugo, 3 de marzo de 2022. Este xoves presentouse en Lourenzá a exposición “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O deputado Efrén Castro e a alcaldesa Rocío López, acompañados por membros da corporación municipal, inauguraron a mostra que poderá verse no Concello ata o vindeiro 18 de marzo.

A exposición inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como unha salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.

Efrén Castro agradeceu “a acollida da exposición que viaxa desde o ano pasado por distintos concellos para dar a coñecer o importante patrimonio musical que acolle o Centro de Artesanía e Deseño máis aló de Lugo, onde está ubicado”.

A mostra, que comezou a súa itinerancia no Pazo de Xelmírez, en Compostela, puido verse nos últimos meses en Sarria, Sober, Cervo e Ribadeo.

Visita do alumnado do CEIP Juan Rey

O acto de inauguración contou coa presenza de alumnas e alumnas do CEIP Juan Rey, que participaron nunha visita guiada á exposición da man do seu comisario e director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, Luciano Pérez.

Catálogo Dixital

A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf)

Exit mobile version