Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convoca un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo para 12 persoas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022. A Consellería do Mar vén de convocar un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O prazo de matrícula neste curso, que conta con 12 prazas, está aberto ata próximo mércores 9 de marzo.

Esta acción formativa, que se impartirá na sede do Igafa, na Illa de Arousa, será entre o 4 de abril e o 7 de xuño en horario de 9.00 a 15.00 horas todos os luns e martes desas semanas. A finalidade desta formación é que as alumnas e alumnos matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos como algas, ourizos, peneiras ou longueirón, entre outros.

Antes da realización do curso as persoas matriculadas deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado das seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 21 de marzo no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar. A data de realización das probas físicas será o 23 de marzo ás 16.00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico. Esta terá lugar o 31 de marzo ás 16.00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.

Para poder presentarse á proba da cámara hiperbárica, as interesadas e interesados deberán presentar un certificado médico que acredite a súa aptitude para realizar esta proba así como unha PCR negativa feita nas 72 horas previas á realización do test na cámara hiperbárica.

As persoas interesadas en matricularse nos cursos poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar os cursos na convocatoria publicada no taboleiro de anuncios do Igafa e na web da Consellería do Mar no seguinte enlace.

Exit mobile version