Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta envía ao Concello da Fonsagrada o informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono

Lugo, 09 de marzo de 2022. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, enviou hoxe ao Concello da Fonsagrada o informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono industrial, en concreto da glorieta que dará acceso ao parque empresarial. Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen sinalou que “a AXI elaborou e enviou este informe, no que se especifican as condicións técnicas que deberá cumprir o proxecto, antes de esgotar o mes de prazo establecido polo Regulamento de Estradas de Galicia, axilizando ao máximo todos os trámites que dependen do goberno Galego”.

Este informe de viabilidade establece os datos técnicos relativos a aspectos como o diámetro, pendentes, ángulos de entrada e saída e trazado, entre outros, para que o proxecto se axuste a estes criterios e a autorización se poida conceder o máis pronto posible, evitando dilacións no tempo e ter que repetir o documento técnico. Neste sentido, Arias Fouz lembrou que “unha vez remitido, o informe ten unha validez dun ano, polo que o Concello debería axustarse a ese prazo para solicitar a autorización da obra e adxuntar o proxecto técnico baseado nas directrices marcadas polo informe de viabilidade da AXI”.

Máxima axilidade

O delegado territorial insistiu na axilidade destes trámites por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e lembrou que “a Xunta xa pediu ao Concello da Fonsagrada que presentara de forma oficial a solicitude do estudo de viabilidade, pola que levaba agardando un mes. Por fin, o goberno local deste municipio realizou reste trámite o pasado 15 de febreiro e a Xunta elaborouno no menor tempo posible para remitilo ao concello canto antes. De feito non se esgotou o prazo dun mes que marca a lei; agora agardamos que o Concello da Fonsagrada faga o propio e de verdade avance e coa mesma dilixencia neste proxecto para o municipio”.

Exit mobile version