Site icon Crónica3.com A Mariña

Apoio unánime do Parlamento á proposta do PSdeG para que a Xunta tome medidas para acabar coa “invisibilidade” das mulleres nos órganos de dirección e representación do sector da pesca

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei presentada polo PSdeG na que se insta á Xunta a adoptar as medidas necesarias para promover e facilitar o acceso das mulleres que traballan no mar aos órganos de dirección, representación e organización no sector da pesca de Galicia.

A iniciativa complementa a creación do observatorio de igualdade que, tamén a instancias do PSdeG, recibiu o visto bo de todos os grupos con representación na Cámara autonómica a semana pasada. Ambas propostas presentadas polo Grupo Socialista recollen as inquedanzas da asociación Mulleres Salgadas, a única asociación de ámbito galego de mulleres no sector pesqueiro.

Neste contexto, Patricia Otero defendeu hoxe unha proposición non de lei que tiña como gran obxectivo acabar coa “situación de invisibilidade” que levan padecendo as mulleres do mar dende hai anos. Esa falla de visibilidade, sinalou Otero, evidénciase en que, malia que na actualidade as profesionais están presentes en todos os segmentos da cadea de valor da pesca, “seguen a ter unha moi baixa representación nos órganos de dirección onde se toman decisións que afectan ao seu futuro”.

Como mostra disto subliñou o feito de que dos 63 patróns maiores dos pósitos galegos, só 5 son mulleres. “É moi chocante que a día de hoxe, en pleno século XXI, haxa tan baixa representación”, advertiu. Por iso, considerou “inaprazable e urxente” que se tomen medidas para facilitar o acceso das mulleres a estes postos. “É de xustiza”, dixo antes de instar á Xunta a tomar medidas e articular procedementos para rematar con esta “incrible infrarrepresentación”.

En calquera caso, para acadar este obxectivo, Patricia Otero puxo en valor tamén a proposta socialista aprobada a semana para pedirlle á Xunta a creación dun observatorio da igualdade no sector pesqueiro galego.

Entre as funcións deste organismo -que debería contar coa necesaria achega orzamentaria e estar formado por persoal técnico- marcábanse as de estudar, analizar e establecer diagnoses e medidas correctoras que contribúan a mellorar a situación das galegas que traballan no mar ou en actividades relacionadas. De maneira específica, solicitábase que se prestase atención á escasa representación das mulleres en postos de dirección e representación.

Nesta liña advertiu que “se non hai datos non se pode medir a igualdade e a paridade, e o que non se mide non se pode corrixir”. Así, tras incidir en que “segue sen coñecerse a súa situación real porque non existen datos desgregados por homes e por mulleres”, reivindicou a necesidade de que se realicen estudos para ter datos fiables que permitan artellar medidas e políticas eficaces.

Ao fío disto, a deputada socialista avogou por que se estude calquera desviación de xénero, que se creen estatísticas reais e desagregadas por sexos ou que se realice unha análise cuantitativa e cualitativa do sector da pesca. Todo isto, concluíu Patricia Otero, proporcionará maior coñecemento e permitirá lexislar con maior rigor para acadar o obxectivo dunha igualdade efectiva tamén no sector da pesca e no mundo do mar.

De maneira complementaria, ademais da “falla visibilidade e a escasa representación nos órganos de decisión”, Patricia Otero tamén reclamou medidas que dean resposta ás “problemáticas históricas” que afectan ás mulleres do sector. Entre outras, enumerou as melloras de condicións de traballo e de vida, a fenda salarial, a clasificación profesional por razón de sexo, a mellora na conciliación ou optimización das condicións de saúde hixiene e seguridade.

O ACORDO ADOPTADO HOXE

O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias de cara a promover e facilitar o acceso das mulleres aos órganos de dirección, representación e organización no sector da pesca galego.

Exit mobile version