Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias destaca que o bono turístico da Xunta inxectou o ano pasado 1,3 M€ ao sector na provincia

Pantón, 16 de marzo de 2022. O Bono Turístico activado pola Xunta de Galicia para axudar ao sector do turismo a manter a súa actividade e mellorar as cifras de ocupación inxectou o ano pasado na provincia de Lugo 1,3 millóns de euros.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, no transcurso dunha visita a un dos establecementos participantes, o hotel balneario Iberik Augas Santas de Pantón, onde fixo balance da anterior edición e resaltou que xa está en marcha unha nova convocatoria, na que “agardamos unha acollida igual de boa ou mellor que a anterior”, apuntou.

O delegado destacou que a capital lucense rexistrou o maior gasto na provincia en 2021 con cargo a esta medida do Goberno autonómico. Os particulares que fixeron uso da tarxeta na cidade pagaron 401.555 euros nos establecementos adheridos.

Tamén salientou as cifras acadadas en Viveiro, onde os bonos deixaron 202.324 euros; Pantón (157.000 euros); Vilalba (86.627 euros); Ribadeo (81.836 euros); Foz (53.237 euros); Monforte de Lemos (52.275 euros); Sober (47.798 euros) ou Palas de Rei (42.005 euros).

Arias apuntou que o programa supuxo “un empuxón na reactivación económica do sector e contribuíu a atraer visitantes, especialmente na tempada baixa”. Nese sentido, destacou que a convocatoria deste ano vai enfocada a desestacionalizar a actividade turística, polo que non se poderán empregar as tarxetas durante os meses de verán -entre o 1 de xullo e o 15 de setembro-.

Prazos de inscrición
O delegado destacou que xa está aberto o prazo de inscrición para as empresas interesadas en sumarse á iniciativa, mentres que os particulares que desexen solicitar as tarxetas poderán facelo desde as 00.00 horas do 21 de marzo, a través da sede electrónica da Xunta.

Nesta nova edición, o Goberno galego asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os usuarios o 60% restante segundo o importe escollido. Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ pagados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares- e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos consumidores-. A data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2021 -coa excepción da tempada de verán- .

No tocante ao tipo de establecementos que poden inscribirse, a medida vai dirixida ás as empresas que dispoñan de aloxamento -excepto vivendas de uso turístico- e as axencias de viaxe que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Exit mobile version