Site icon Crónica3.com A Mariña

Conde asegura que sen marco enerxético estable ningunha medida será suficiente para garantir a viabilidade da industria electrointensiva

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento galego que sen un marco enerxético estable ningunha das medidas que se poña en marcha será suficiente para garantir a viabilidade de Alcoa e do resto da industria electrointensiva. Por este motivo instou, unha vez máis, ao Goberno central a cumprir o compromiso adquirido cos traballadores de conseguir un prezo competitivo que permita reactivar as cubas o máis axiña posible.

Neste sentido os custos eléctricos (362 €/MWh) representan hoxe en día o 75% dos gastos totais de produción, máis do dobre que en Francia (145,56 euros) e un 18% máis que en Alemaña (306,32 euros). Mentres, o Goberno segue sen dar sinais sobre os contratos bilaterais a prezos competitivos, nin das poxas de enerxía de tecnoloxía marxinal, nin do Perte para electrointensivas, nin sobre as propostas realizadas pola propia industria.

Conde lamentou, por tanto, que o Executivo central se resigne a que España deixe de producir aluminio, como mínimo, ata 2024, xusto nun momento de desabastecemento mundial e cun elevado prezo deste material.

Tras reiterar que a Xunta seguirá ao carón dos traballadores, lembrou que o Goberno galego declarou o sector esencial e estratéxico para priorizar proxectos industriais de ampliación, modernización ou transformación que cumprisen os requisitos; participou na solicitude de medias cautelares para que non pararan as cubas, así como na impugnación do ERE que deu como resultado a declaración de nulidade; e solicitou destinar fondos europeos a impulsar a competitividade do sector; ademais de poñer a disposición desta industria axudas do Inega en materia de renovables e eficiencia enerxética.

Conde rematou ofrecendo, de novo, a colaboración da Administración autonómica. Lembrou o compromiso da Xunta na tramitación de parques eólicos na Comunidade que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo da enerxía, pero lembrou que é competencia do Estado as instalacións que superan os 50MW, advertindo de que esta medida por si soa non pode ser a solución definitiva.

Exit mobile version