Site icon Crónica3.com A Mariña

Efrén Castro asistiu ao encontro de escolas de rugby organizado polo Muralla, no que tamén participaron Capóns Vilalba e Asterix Viveiro

Lugo, 12 de marzo de 2022. O deputado de Deportes Efrén Castro asistiu esta mañá ao Concentración de Escolas de Lugo, organizada polo Muralla RC en colaboración coa Federación Galega de Rugby no Estadio Gregorio Pérez Rivera, en Lugo.

A xornada reuniu preto de 200 xogadores e xogadoras das categorías M6, M8, m10 e M12 de oito clubs do norte de Galiza, entre eles o propio Muralla RC, Capóns Vilalba e Ásterix Viveiro, mais tamén o CR Ferrol, o CR Fendetestas, das Pontes, o CRAT da Coruña, o CD Zalaeta, de Arteixo, ou Valentes, de Teo.

Desde ás 11.00 horas e ata as 13.30, celebrouse unha rolda de partidos nas que os equipos, mixtos, xogaron seguindo as normas do rugby gradual, unha modalidade específica para categorías non competitivas.

O Muralla RC viña celebrando estas xuntanzas de encontro e aprendizaxe anualmente, pero a pandemia impediu a súa celebración nos dous últimos anos, polo que a desta mañá era unha cita moi agardada polas xogadoras e xogadores que se están iniciando neste deporte.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, remarcou a boa noticia que supón a volta destas concentracións “nas que se pon de manifesto o potencial do deporte como espazo de encontro e convivencia e que revelan tamén o crecemento da afección polo rugby entre as nenas e nenos grazas ao traballo de promoción do deporte que se fai desde os clubs e que desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos con distintas liñas de axuda”.

Nese sentido, o responsábel provincial lembrou que “neste momento está aberta a convocatoria de axudas de concorrencia para clubs e entidades deportivas con achegas de ata 5.000 euros”. O prazo de solicitude remata o vindeiro venres, 18 de marzo. As bases e os modelos de solicitude están dispoñibles na web deputacionlugo.gal, no apartado “Subvencións”.

Exit mobile version