Rodríguez chamou a atención, en primeiro lugar, sobre o feito de que “a nosa sociedade segue convivindo con ese terror que supón a violencia de xénero” e lembrou que no que levamos de ano xa foron asasinadas 6 mulleres.
“Urxe erradicar a violencia de xénero da nosa sociedade e non debemos parar ata conseguilo”, manifestou a subdelegada que lamentou a existencia de grupos que negan a violencia machista e agradeceu o compromiso das forzas de seguridade nesta loita e puxo como exemplo as gardas civís “Silvia e Yolanda, que nos acompañan neste acto e nas últimas horas, estando libres de servizo, xunto cos compañeiros cos que se atopaban, non dubidaron en impedir unha agresión machista nas rúas de Lugo”.
A subdelegada celebrou os avances dados por España en materia de igualdade, pois “o noso pais ocupa a sexta posición da Unión Europea en igualdade de xénero, temos o Goberno con máis mulleres da Unión Europea e de toda a súa historia, un Goberno feminista, o único que incorporou a igualdade entre homes e mulleres como un dos piares do Plan de Recuperación”. Con todo, advertiu de que “cuestións como a fenda salarial, o tipo de xornada ou a conciliación seguen sendo retos que debemos superar”.