Este nomeamento xurde do consenso entre afiliados e do propio grupo municipal, co fin de acadar o cambio de goberno nas vindeiras eleccións municipais. Segundo este proceso, José Bouso continuará coa súa responsabilidade de voceiro do Grupo Municipal. O resto de integrantes da xestora serán dados a coñecer no prazo dun mes.
Unha persoa moi coñecida
Marcos García Lombardero é veciño deste municipio e ten 34 anos. A súa vinculación co Partido data de hai máis dunha década, cando se afiliou a Novas Xeracións. É unha persoa moi coñecida, debido á súa condición de encargado dun destacado establecemento da zona.
Asume o cargo “cunha gran responsabilidade, xa que o noso obxectivo debe ser desbancar ao PSOE da alcaldía. Unha forma de xestión é posible, e iso só pode vir da man do Partido Popular. Toca traballar a reo co Grupo Municipal para que os veciños vexan que somos a alternativa a un goberno desgastado e sen iniciativa para dar servizos a un concello como o noso, situado en plena Terra Chá e cun gran potencial económico debido á súa produción leiteira”.
Obxectivos
Dende a dirección provincial agradecen o compromiso de García Lombardero e póñense á súa disposición para conquerir os obxectivos marcados, e que pasan segundo avanzou o presidente por “abrir o partido, reforzalo e canalizar da mellor forma o caudal de confianza que nos dan os veciños, xa que nas municipais sempre gañamos as eleccións, aínda que sen maioría absoluta. En definitiva, sumar e sumar”.