Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo pídelle ao Concello que defenda o Castro da Trinidade, e esixe responsabilidades no caso de confirmarse a súa desaparición

Mondoñedo, 28 de febreiro do 2022. Ante a sentenza ditada polo xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Lugo na cal se condena ao concello a realizar todo o necesario para excluír do catálogo de elementos culturais do PXOM de Mondoñedo o Castro da Trinidade, o BNG no pleno celebrado o pasado venres pediulle ao goberno municipal que interpoña recurso de apelación contra a resolución da sentenza e defenda o patrimonio arqueolóxico local fronte a empresa mineira que opera no lugar.

O voceiro do BNG no concello Mindoniense, Eloi Cabanas, apunta que Canteras Santa Cecilia S.L no ano 2020 interpuxo contencioso-administrativo fronte ao concello de Mondoñedo na que pedía a exclusión do castro do catálogo de bens culturais do PXOM.

A sentenza dálle a razón á demandante e o concello ten agora de prazo ata o 11 de marzo para interpoñer recurso de apelación.

Elena Candia, en resposta a pregunta do concelleiro do BNG na que se interesaba polos pasos que ía dar agora o concello ante esta situación contestou que aínda non o sabía pero farían o que lles marcara os servizos xurídicos da deputación.
Eloi Cabanas pediulle ao concello que esgote todos os mecanismos de acción posibles antes de dar por perdido o castro e no caso de que finalmente se demostrara que xa non hai nada que conservar no lugar, se investigue e se pidan responsabilidades aos encargados de velar pola preservación deste Ben Cultural que pese a estar incluído no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos desde 1991 e catalogado (B.O.P) desde 1995 non recibiu a protección que lle correspondía.

-O BNG PREGUNTOU POLAS RAZÓNS DO RETRASO DA POSTA EN FUNCIONAMENTO DO XIMNASIO MUNICIPAL-

Despois de acumularse varios meses retraso no remate das obras do ximnasio municipal e logo da resolución do contrato coa empresa adxudicataria da obra, o BNG pediu explicacións e preguntou polos problemas que motivaron o incumprimento das previsións iniciais do goberno para a posta en funcionamento das novas instalacións.

Segundo o concello producíronse reiterados incumprimentos no prazo de execución da obra por parte da empresa e ademais, esta non se adaptou ao proxecto técnico inicial. A empresa solicitou varios modificados co cal houbo que solicitar tamén dúas prórrogas á Secretaría Xeral para o Deporte que é quen subvenciona a obra. As citadas prórrogas non foron suficientes e como non se puido conceder unha terceira, o concello perdeu a subvención e agora ten que rematar os traballos pendentes con fondos municipais.

Eloi Cabanas trasladoulle ao goberno o malestar xeral dos socios do ximnasio pola demora dos prazos e máis pola precariedade das alternativas ofrecidas polo concello durante todos estes meses.

“O ximnasio tiña que que estar posto en servizo a mediados de novembro e por culpa de tanto retraso xa se están dando casos de usuarios que se están marchando para as instalacións deportivas do veciño concello de Lourenzá”.

-O BNG TAMÉN PROPUXO O SOTERRAMENTO DUNHA LIÑA DE ALTA TENSIÓN AO PASO POLO CAMIÑO NORTE-

O BNG formulou un rogo para que o goberno realice os trámites oportunos para que o proxecto “Incremento dun circuíto de L.A.T. 132 kV. Mondoñedo-Meira entre o apoio 22 e a subestación de Meira” se modifique por non ter en conta no deseño do proxecto o trazado do Camiño Norte. A L.A.T. cruza o camiño nas proximidades do Barrio do Vilar así que propón o soterramento da liña na zona de protección do entorno para minimizar o impacto visual e paisaxístico que produce.

Exit mobile version