Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo activo na defensa dos dereitos da muller, e na loita para avanzar no camiño da igualdade

Ribadeo, 5 de marzo, 2022. En plena crise do Partido Popular debido, máis unha vez, á corrupción; durante estes días de guerra en Ucraína, guerra mal explicada e que, de novo, nos fai berrar “non á guerra”; e en pleno antroido, celebrado por primeira vez despois de tanto tempo de limitacións provocadas pola pandemia, debemos preparar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora (ou Día da Muller, así, a secas, como tamén se nomea agora).

O BNG de Ribadeo sempre foi moi activo na defensa dos dereitos da muller, e na loita para avanzar no camiño da igualdade. Tamén desde o Equipo de Goberno do BNG do Concello, en especial desde a Área de Igualdade, o traballo foi constante e con notorios logros, entre os que se poden destacar a creación da primeira Mesa interinstitucional de violencia de xénero e a constante colaboración cos centros de ensino. Conseguir esa igualdade non é cousa só de localidades ou institucións, nin podemos pensar que vai ser cousa de un tempo concreto. A igualdade hai que loitala todos os días e en todas as circunstancias e áreas.

Dito o anterior, debemos mobilizarnos e conseguir un 8 de Marzo reivindicativo e de denuncia da situación de inferioridade e dependencia das mulleres, das discriminacións, algunha moi sutil e que é preciso desvendar e explicar. Ter un día no calendario anual ten que ser aproveitado para non esquecer que esta loita tamén existe e que afecta a toda a humanidade, mulleres e homes, pero que mantén nunha situación de discriminación e subordinación á máis da metade da poboación, ás mulleres.

As mulleres e homes do BNG participaremos nos actos reivindicativos que as organizacións feministas convoquen en Ribadeo e na comarca de A Mariña, e animamos a que tamén o fagan as veciñas e veciños, sobre todo as mulleres, que deben ser as protagonistas das súas reivindicacións.

Exit mobile version