Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro exixe un proceso participativo para o proxecto de Pernas Peón

Viveiro, 2 de marzo, 2022. Fixeron falta numerosas iniciativas por parte do BNG para que o parque Pernas Peón teña por fin un proxecto de recuperación, entre elas: unha concentración, a plantación de árbores autóctonas e numerosas iniciativas en pleno ante a improvisación e falta de actuacións no parque. Así, hai máis de dous anos preguntábamos polo suposto proxecto de recuperación que afirmou ter a alcaldesa María Loureiro despois dunha das intervencións da nosa concelleira, mais resultou que nas dependencias do Concello non existía tal. Tamén presentamos unha moción para instar á realización do proxecto de recuperación na que o PSOE de Viveiro votou en contra xa que, segundo eles, este parque non necesitaba de recuperación algunha e que votar a favor da nosa moción suporía ter que levala a cabo, após de criticar duramente á nosa concelleira polo feito de querer ter un parque público en condicións.

A falta de coñecer o proxecto, O BNG agarda que se desenvolva nun proceso participativo no que a veciñanza poda manifestar as súas prioridades nos novos usos potenciais deste parque, mais dende o BNG cremos que para a súa conservación e recuperación é necesario que se contemple unha repoboación con árbores autóctonas e especies vexetais medio-baixas en diferentes zonas para dar abrigo e recuperar a intimidade para utilizar as mesas, a recuperación dos seus monumentos, así como tamén pequenas obras que impulsen á práctica deportiva.

Con todo, seguen sendo aínda necesarias actuacións nos elementos cos que xa conta o parque como a eliminación total dás árbores en mal estado, retirar os eucaliptos xa que supoñen un perigo para as persoas con cada vendaval, así como desenvolver as medidas necesarias para erradicar a procesionaria aínda presente no parque.

Exit mobile version