Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide a ampliación da planta xudicial no Partido de Viveiro

Viveiro, 25 de marzo, 2022. A sección civil dos xulgados viveirenses asumiron no ano 2021 un 70% máis de asuntos da súa capacidade total, segundo a estatística da carga de traballo por localidades que recolle o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Esta nova avalancha de expedientes únese á enorme cantidade de asuntos que se foron acumulando durante estes últimos dez anos, o que provoca que o traballo que na actualidade soportan os dous xulgados de Viveiro sexa inabarcable. As táboas porcentuais en relación aos módulos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza na xurisdición civil así o acreditan, onde se constata que os asuntos ingresados durante o ano pasado superan nun 69,26% o indicador máximo establecido polas máis altas institucións españolas neste eido, un dato que, fóra de conxelarse ou reducirse, continúa a medrar en cada anualidade.

Na sección penal, o índice de entrada de asuntos atópase dentro dos módulos de referencia sinalados polo propio Poder Xudicial (un 30,90% por debaixo do nivel máximo), o que denota unha carga de traballo elevada pero asumible cos recursos dos que se dispoñen. Aínda así, a diferenza xeral que se establece para órganos xudiciais mixtos coma os de Viveiro (diferenza entre asuntos civís e asuntos penais), fixa nun 138,36% o traballo que asumen os dous órganos do partido xudicial viveirense, o que o sitúa como a sede con máis carga de traballo de toda Galiza.

Esta é a situación a pesar de que o persoal dos Xulgados de Viveiro resulta ser o máis produtivo de toda a Administración de xustiza galega. A finais do ano 2020, o prestixioso avogado especializado en dereito informático José Muelas Cerezuela, que manexaba datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, publicaba no seu blog un artigo titulado Funcionarios de justicia y tópicos, onde o cadro de persoal da sede viveirense aparecía nos primeiros postos de produtividade de todo o Estado, en concreto no número 38, sendo os primeiros da Galiza. Estes datos veñen ratificar que o traballo no partido xudicial de Viveiro sae adiante unicamente pola implicación e profesionalidade das traballadoras e traballadores xudiciais.

As diferentes inspeccións ordinarias e extraordinarias tanto do Consello Xeral do Poder Xudicial coma do Tribunal Superior de Xustiza que se levaron a cabo durante os últimos tempos, fixeron fincapé unha e outra vez na preocupante progresión de entrada de asuntos que ano tras ano fai aumentar a pendencia e a acumulación de procesos no eido civil. Así e todo, o día 7 de xullo de 2020 o Goberno de España aprobou por Acordo do Consello de Ministros un Plan de Actuación polo que se adoptaban medidas urxentes e complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á Covid-19. Nese Plan de Actuación recollíanse medidas concretas a aplicar na Administración de xustiza galega, como o reforzo dos xulgados do eido social e mercantil, e a creación de tres novos órganos xudiciais nas cidades da Coruña, Lugo e Vigo.

Posteriormente, a instancia da Comisión Mixta formada polo Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta de Galiza, publicábase no BOE o Real Decreto 1052/2021 de 30 de novembro mediante o que se creaba unha praza de maxistrado na Audiencia Provincial de Lugo, outra praza de maxistrado na Audiencia Provincial de Ourense e tamén o Xulgado Mercantil núm. 3 da Coruña, que entrou en funcionamento o pasado día 1 de marzo.

Unha vez máis Viveiro volveu ser o grande esquecido a pesar de que o propio Parlamento galego aprobou en novembro de 2020, por unanimidade de todos os grupos, unha proposición non de lei (PNL) a intancias do BNG, na que se pedía a creación dun terceiro xulgado en Viveiro cando existiran “as condicións obxectivas da necesidade”. Pois ben, semella que non é suficiente tanto para a Xunta como para o Tribunal Superior de Xustiza que Viveiro sexa a sede xudicial con máis carga de traballo. Os datos así o reflicten de forma obxectiva, polo que agora só queda actuar en consecuencia.

A pesar de que o colapso aumenta, volveuse acordar a creación de novos órganos en Galiza dando prioridade de novo ás cidades por diante das vilas. Hai demasiado tempo que vén sendo así. As prioridades tanto da Xunta como do Tribunal Superior de Xustiza ao solicitar novos órganos xudiciais para o noso país fundaméntanse nunha arbitrariedade que non ten en conta os datos estatísticos reais cos que contan e os informes que unha e outra vez lle son solicitados aos dous xulgados viveirenses.

Esta ausencia de compromiso por parte das institucións impide que a situación mude a curto prazo e se poñan os medios necesarios para facer fronte á avalancha de asuntos xudiciais que entran nos xulgados de Viveiro todos os meses. O Tribunal Superior de Xustiza e mais a Xunta apoian a creación do terceiro xulgado coa boca pequena, e esa falta de contundencia fai que se reduzan as posibilidades unha vez formalizan a súa petición oficial a Madrid.

As Administracións continúan sen involucrarse o suficiente para poñer enriba da mesa unha solución definitiva. De feito, o traballo que hoxe en día entra a diario nos Xulgados de Viveiro é tanto, que está a provocar o adiamento de xuízos e un inmenso retraso na tramitación dos expedientes. É de xustiza a creación do terceiro xulgado de Viveiro, porque con datos máis optimistas que os deste partido xudicial tense aprobado a creación de outros órganos das mesmas características en provincias como Madrid, Asturias, Cádiz ou Ciudad Real nos últimos tempos.

Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO: Instar ao Concello de Viveiro para que relice as xestións e propostas oportunas a nivel institucional ante o Goberno de España para dotar con urxencia ao partido xudicial de Viveiro dun novo xulgado de primeira instancia e instrución.

SEGUNDO: Dar traslado ao Ministerio de Xustiza da presente moción coa finalidade de que se teña en conta a carga de traballo que soporta o partido de Viveiro na creación futura de novas unidades xudiciais.

Exit mobile version