Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG prepara a estrutura organizativa para enfrontar a grave crise derivada da escalada dos prezos que atravesa Galiza

Santiago de Compostela, 12 marzo 2022.- O BNG celebrou en Santiago un encontro nacional con responsables locais e comarcais de todo o País para preparar a súa estrutura organizativa co obxectivo de enfrontar a grave crise derivada da escalada dos prezos que atravesa Galiza e mobilizar a organización de cara ás municipais 2023, nas que sairá “a por todas”.

Así o explicou a responsable da Área de Organización, Lucía López Sobrado, quen advertiu da preocupante situación que vive o País nos planos económico e social e que se está a volver “case insostíbel” para moitas galegas e galegos, “especialmente nas clases populares” onde, segundo subliñou, “se está a experimentar un empobrecemento paulatino que afecta a milleiros de persoas”. Fronte a esta situación, avanzou que o Bloque porá en marcha unha campaña de mobilizacións e de contacto social encamiñada a denunciar unha escalada de prezos “que abocan á pobreza á maioría social” e “para dar resposta ás necesidades das galegas e os galegos neste momento crítico”.

López Sobrado reprobou que se estea a utilizar “unha situación tan dura e cruenta como é o conflito bélico na Ucraína” como pretexto para introducir máis precariedade na clase traballadora galega “e xustificar así unha escalada de prezos que desde hai meses vimos padecendo na electricidade, nos combustíbeis ou na cesta da compra e que agora -incidiu- xa comezamos a ver graves consecuencias coa paralización da produción en empresas e abocando ao peche ou ao endebedamento a numerosos sectores”. “Todo isto mentres as grandes eléctricas seguen engordando os seus beneficios e dándose apertas co PP para impedir que o noso País poida contar cunha tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar o recibo da luz”, recriminou.

Por outra banda, a responsable da Área de Organización sinalou o reto que supón para a formación nacionalista as vindeiras eleccións municipais de 2023 e, neste sentido, asegurou que o Bloque “está no mellor momento da súa historia e saímos a por todas”. Así, e poñendo en valor a implicación do conxunto da organización, amosou o seu convencemento de alcanzar un gran resultado fortalecendo a presenza do BNG nos concellos e avanzando na representación institucional do nacionalismo galego a nivel municipal onde, segundo remarcou, ten sobradamente demostrado “que é quen de construír proxectos municipais transformadores e de referencia”.

Nesta liña, agradeceu o traballo da militancia, salientou a fortaleza da organización e apostou por seguir aumentando a súa base social: “Por riba de cada unha de nós está o traballo colectivo e a defensa de Galiza e do pobo galego”, concluíu.

Exit mobile version