Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón medidas para reducir a velocidade na N-640 ao seu paso pola Pontenova

A Pontenova, 11 de marzo, 2022. O BNG no Concello da Pontenova presentou unha moción na que propón medidas para reducir a velocidade na estrada nacional 640 ao seu paso polo casco urbano da Pontenova.

O portavoz municipal nacionalista, Xosé Luís Gutiérrez, considera que “a velocidade a que circulan moitos vehículos pola estrada xeral (N-640) ao seu paso pola Pontenova é excesiva en moitos casos e compre reverter esta situación”.

O nacionalista argumenta “Hai consenso entre os expertos que reducir a velocidade a 30 km/h nas zonas urbanas reduce tanto o risco de sufrir un accidente, como a gravidade do mesmo de producirse. De feito A Declaración de Estocolmo 2020, redactada despois da III Conferencia Ministerial Mundial sobre Seguridade Vial recolle na súa oitava recomendación a necesidade de establecer un límite máximo de velocidade de desprazamento nas vías urbanas de 30 Km/h”.

Por outra parte Gutiérrez aclara que “ o Consello de Ministros aprobou fai máis dun ano o Regulamento de Circulación que no seu artigo 50 aconsella a redución de velocidade en núcleos urbanos”.

A proposta do BNG pide a colocación de pasos de peóns elevados neste tramo da estrada xeral dada a súa eficacia para o calmado do tráfico e a substitución dos sinais de limitación de velocidade a 30 km/h.

Gutiérrez demándalle ao Alcalde “que convoque un pleno para tratar este e outros temas pendentes. Non hai razón para que levemos máis de 3 meses sen convocar un pleno ordinario incumprindo deste xeito o Regulamento de funcionamento do pleno aprobado pola maioría da Corporación que marca que se realizarán plenos ordinarios cada 2 meses”.

Exit mobile version