Hoxe, explicou a deputada nacionalista ante os medios de comunicación, a flota volveu a retomar a actividade tras unha reunión do sector co Ministro de Pesca, unha reunión, dixo, que xa tiña que terse celebrado hai tempo para tomar medidas e a pesar disto, a dia de hoxe segue sen haber , “hai medidas concretas”.
Neste sentido, explicou que a exoneración das taxas portuarias que dependen do Estado e a da Xunta nos portos autonómicos, “continua sen poñerse en práctica” e lembrou que durante a pandemia o goberno galego mantivo unha exoneración de taxas que pasados os meses foi “cobrada acumuladamente ás confrarías”. Dende o BNG rexeitamos esta medida porque “non supón ningún beneficio para as instalación dos portos autonómicos” e de nada vale, reiterou, que “apracen un pago que logo será cobrado.
O Ministro de Pesca, engadiu a deputada, non realizou ningún compromiso e só aludiu ás axudas dependentes do fondo de Pesca da Unión Europea, axudas, ao seu xuízo, “difíciles de tramitar e executar”, polo tanto, tampouco resultan unha solución a curto prazo.
Pérez lembrou que a flota pesqueira deu a voz de alarma hai máis dun ano advertindo das consecuencias polo encarecemento do prezo dos combustibles ao pasar de pagar 0,55 euros a 1,20 polo gasoleo. A maiores, a este encarecemento hai que engadir o resto de produtos que tamén tiveron un incrementos de “máis do dobre”.
A deputada denunciou que a día de hoxe, “non existe ningunha proposta real” para superar a crise da flota. Neste liña, propuxo a exoneración das taxas portuarias de “maneira inmediata” por parte da Xunta e do Estado e a posta en marcha , sen máis dilación de “compensacións económicas” polo amarre da flota e futuros amarres.
Ademais, engadiu, tanto a Xunta como o goberno español ten a obriga de impedir que o gasoil da flota pesqueira continúe subindo. Rosana Pérez tamén reclamou a redución do IVE nos produtos pesqueiros ao 4%.
A nacionalista criticou a “propaganda e anuncios do Goberno galego” ante unha situación excepcional e a “ parálise” a hora de poñer en marcha medidas urxentes contra a crise da flota pesqueira. “Non é de recibo que despois dun mes de anunciar medidas non fora posta en marcha ningunha”.
Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños insistiu nas dificultades económicas de todos os sectores ante a escalada de prezos e, de maneira especial, os relacionados coa pesca. Muíños criticou os “beneficios” das empresas subministradoras de enerxía e combustible, elementos imprescindibles para desenvolver as actividades como a pesca no concello de Rianxo. O BNG, dixo, seguirá traballando para a que “a nosa flota poida faenar con normalidade” e ofrecer aos traballadores do mar e a súas familias as axudas necesarias.