Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG urxe poñer en marcha medidas para erradicar a desigualdade entre homes e mulleres no sector do mar

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022. A través dunha pregunta á conselleira do Mar, Rosa Quintana, a portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez reclamou a posta en marcha de medidas para “erradicar a desigualdade entre homes e mulleres no sector do mar”.

A parlamentaria lembrou que o propio Feixóo, onte mesmo, día Internacional da Muller, afirmaba na Cámara galega que “a igualdade estaba nas nosas mans” sen embargo, as mulleres do mar que durante a pandemia formaron parte dun “sector esencial”, non acadaron o recoñecemento necesario para avanzar na conquista de dereitos laborais dos que dispoñen hai anos outras traballadoras e, sobre todo, outros traballadores, explicou a nacionalista.

Mariñeiras, técnicas, patroas, mariscadoras, redeiras, armadoras, percebeiras, observadoras, traballadoras da conserva, bateeiras, vendedoras de peixe, “son relegadas pola propia administración que as di defender”, denunciou.

A reclamación de colectivos como o das redeiras, mariscadoras ou percebeiras para que se lles recoñezan como enfermidades profesionais derivadas das duras condicións nas que realizan o seu traballo, ou que se lles aplique un coeficiente redutor que lles permita adiantar a súa xubilación “son dereitos polos que levan décadas agardando”, recalcou.

O BNG demanda avanzar nos dereitos laborais e sociais das mulleres do mar

A parlamentaria do BNG insistiu en que no século XXI, as mariscadoras a pé continúan tendo un coeficiente redutor menor que o dos seus compañeiros homes do marisqueo a frote e aínda sigue vixente o “vergoñento caso das redeiras” que nin sequera teñen recoñecido o mísero coeficiente redutor das mariscadoras e ás que só se lles permite ser “colaboradoras” das confrarías e non socias de pleno dereito.

Moitos dos traballos que as mulleres realizan no sector do mar continúan a ser “invisíbeis, sen remuneración nin recoñecemento profesional e sen alta no réxime de cotización ou contrato”. Tarefas que moitas mulleres do mar realizan dentro de empresas familiares que non contan como traballo e manteñen unha economía somerxida e irregular: “almacenamento de produtos, funcións administrativas, relación e atención aos clientes, mantemento e conservación de maquinaria, informatización de documentación, limpeza ou emisión de facturas”.

Visibilizar a todas esas mulleres “invisíbeis” do sector é necesario para acadar unha igualdade real e para iso resulta “imprescindible” coñecer os datos, as deficiencias, definir cal é a verdadeira situación de partida en cada subsector para poder aplicar medidas concretas.

A nacionalista urxiu a consellería a iniciar accións para dispoñer de datos claros, de información co fin de coñecer a situación, os problemas, as causas e, finalmente, para actuar e conseguir condicións dignas de traballo: “Melloras nas instalacións e lugares de traballo, na súa habitabilidade, hixiene e saúde. Introdución dos equipamentos necesarios para o desempeño axeitado dese traballo” así como o recoñecemento das enfermidades derivadas da actividade profesional.

Tras a resposta da conselleira do Mar, Rosa Quintana, a deputada nacionalista replicou que non é fácil favorecer a formación das mulleres do mar si a día de hoxe, ás persoas que desexen formarse como redeiras nun centro de titularidade da Xunta deben cumprir o requisito de ter relación co mar ou ben “ser cónxuxe” de pescador ou mariscador autónomo e iso, dixo, é unha competencia do goberno galego que debía de estar xa modificado hai moitos anos.

Ademais, criticou que os datos non son públicos nin transparentes sobre todo cando se refiren ás mulleres do mar “sen recoñecemento profesional”.

Exit mobile version