Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo coloca contedores para residuos mariños nos areais da Limosa, Cubelas, A Caosa e Portelo

Cervo, 03 marzo de 2022. O concello de Cervo ven de colocar contedores de residuos mariños nos areais da Limosa, Cubelas, A Caosa e Portelo; onde aparecen, recurrentemente, residuos arrastrados polas mareas. Nestas infraestruturas poderá almacenarse calquera tipo de residuo que non se poida depositar en ningún dos outros contedores.

O alcalde, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, e a concelleira de medio ambiente, Mali Méndez, desprazáronse ata a praia da Limosa, unha das localizacións onde están colocados estes contedores, para comprobar de primeira man como a veciñanza xa está a facer uso deles.

Estes depósitos, que están feitos de materiais reciclados, forman parte do proxecto medioambiental “Ecoestruturas”, que gañou un áccesit de Salvamento Marítimo á mellor contribución ao “Objetivo Desarrollo Sostenible 14” hai uns meses.

Este proxecto consiste en reciclar diversos materiais, por exemplo botellas de auga ou palés, para a posterior construción de estruturas que sirvan como mobiliario urbano público, como poden ser os cubrecontedores, aparcabicicletas ou cinceiros ecolóxicos.

O rexedor, Alfonso Villares, quixo destacar a importancia “de crear sensibilización e concienciación na xente para, por un lado, evitar que se verta calquera tipo de residuo ao mar e, por outro, manter os nosos areais limpos e así desfrutar deles en calquera época do ano”.

“As políticas medioambientais e de reciclaxe son un eixo fundamental no noso goberno, como ben mostra, por exemplo, a colocación de cinceiros ecolóxicos durante o verán nas praias, ou a campaña que se activou fai tan só uns días para facer entrega de composteiros a domicilio” engadiu o alcalde.

Exit mobile version