Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo iluminarase de cor amarela o 14 de marzo, Día mundial da Endometriose

Ribadeo, 11 de marzo de 2022. O Concello de Ribadeo iluminarase de cor amarela na tarde noite do 14 de marzo con motivo do Día Mundial da Endometriose co obxectivo de axudar á visibilización desta enfermidade que afecta a unhas 176 millóns de mulleres no mundo, das que 60.000 aproximadamente son galegas.

Desde a Concellaría de Igualdade explican que “a endometriose deriva da alteración do endometrio durante o ciclo menstrual. En lugar de crecer no útero, o tecido endometrial desenvólvese noutros lugares extrauterinos, o cal provoca severas dores menstruales, sangrados abundantes, dor abdominal persistente e dificultades reprodutivas, alterando a calidade de vida das mulleres que a padecen. A pesar de ser unha enfermidade tan frecuente, que padecen entre o 10% e o 15% das mulleres, é ignorada por parte da sociedade . O descoñecemento da endometriose e a falta de investimento en investigación fai que asociacións, como QuerENDO, esixa que se desenvolvan todas as actividades socio-sanitarias que sexan necesarias para dar a coñecer a doenza”.

E engaden: “a visión sesgada que se ten sobre esta patoloxía ocasiona unha discriminación real sobre as mulleres. É ninguneada, como outras enfermidades de alta prevalencia feminina, exposta a prexuízos e por iso moitas mulleres aguantan máis do que deberían”.

Dende a Concellería de Igualdade, Mari Luz Alvarez Lastra, ten previsto poñer en marcha unha campaña de difusión, en colaboración coa asociación QuerENDO, para dar visibilidade a esta enfermidade e concienciar á sociedade. Esa campaña da comezo coa iluminación de cor amarela (cor identificativa da doenza) da Casa Consistorial o vindeiro luns, 14 de marzo. Ademais en datas próximas terá lugar unha charla que contribuirá a dar a coñecer a enfermidade e da que se informará ao seu debido tempo.

Exit mobile version