Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista propón a reserva dunha praza por confraría para garantir o dereito a traslado por conciliación

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022. O deputado socialista Julio Torrado reclamoulle hoxe á Xunta que todas as confrarías galegas teñan dispoñible de maneira permanente unha praza para facilitar o cambio de lugar de traballo daquelas profesionais en activo cun permiso xa concedido cando sexan vítimas de violencia de xénero ou teñan unha persoa dependente ao seu cargo.

Así o demandou esta mañá, na Comisión de Pesca do Parlamento, onde defendeu unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno galego a realizar a correspondente modificación normativa para garantir de maneira efectiva este dereito. Malia que a que se trataba dunha petición “comprensible e definible se hai vontade de facelo”, o Partido Popular vetou esta iniciativa co seu voto en contra.

Na súa intervención, Julio Torrado lembrou que a orde pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé xa inclúe esta posibilidade baixo determinadas condicións. En concreto, a normativa indica que se facilitará o cambio de entidade asociativa para desenvolver o seu traballo noutra localidade en caso de que a persoa que o solicite sexa vítima de violencia de xénero ou teña ao seu cargo persoas en situación de dependencia, entre outras circunstancias.

Malia que este obxectivo “resulta a todas luces de interese e importante”, a realidade, por contra, é que ese dereito circunscríbese ao papel, pero é moi difícil que se poida facer efectivo. O problema xorde porque “cando se solicita, non hai prazas” posto que os permisos de explotación marisqueira, polo xeral, “xa están esgotados”.

Nesta liña, Julio Torrado lamentou que a propia normativa condicione esta posibilidade a que no plan de xestión aprobado sexa autorizada unha ampliación dos permisos de explotación marisqueira e que conste a reserva de praza para tales fins. Así, resulta moi complexo que haxa permisos dispoñibles dentro dese plan de xestión para poder atender as solicitudes que se produzan, o deputado socialista incidiu en que esa reserva debería facerse de facto en canto exista unha ampliación dos permisos para unha entidade.

Por iso, Julio Torrado reclamou unha modificación da orde que regula os Permex para o marisqueo a pé se inclúa unha excepcionalidade nas prazas e que, en consecuencia, haxa sempre unha aberta e en reserva para dar resposta a estas demandas. “Sabemos que sempre vai ser insuficiente”, advertiu Torrado, “pero cando menos poderemos garantir que se dea resposta a unha destas situacións por cada confraría ou entidade asociativa”.

Deste modo, o obxectivo sería que todas as confrarías habilitasen sempre un permiso dispoñible para ser utilizado en caso de persoas que queiran cambiar de lugar de traballo por razóns de violencia de xénero ou por teren unha persoa dependente ao seu cargo.

A maiores, e mentres non se produza ese cambio normativo, Julio Torrado tamén demandaba que se facilitasen a través de mecanismos excepcionais as prazas necesarias para poder dar resposta ás solicitudes de mobilidade que se produzan atendendo a estas circunstancias e que aínda non fosen autorizados.

Finalmente, a proposta socialista tamén pedía que se avaliase a posibilidade de ampliar as circunstancias baixo as que pode ser solicitado o cambio de permiso de explotación a outra entidade asociativa. Nesta liña reclamábase que se engadisen circunstancias relativas á enfermidade, precariedade socioeconómica e outras variables.

Exit mobile version